Bicicletas contra a emisión de CO2

C. López

EDUCACIÓN

O fomento do uso deste medio de transporte é unha máis das medidas postas en marcha pola Universidade de Santiago para reducir o impacto ambiental

29 mar 2009 . Actualizado a las 03:00 h.

O programa de préstamo de bicicletas foi a primeira das medidas que a Universidade de Santiago puxo en marcha con vistas á redución do impacto ambiental. Despois viñeron outras como a de compartir coche ou o plan de optimización enerxética. Todas elas perseguen un mesmo fin: reducir as emisións de dióxido de carbono asociadas á actividade que se desenvolve na institución compostelá, tanto no campus santiagués coma no de Lugo.

O 2007 foi o primeiro ano que universitarios, docentes e persoal administrativo puideron disfrutar das bicicletas do programa de préstamo posto en marcha en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e a asociación ecoloxista Verdegaia. Daquela foron sesenta os beneficiarios -20 en Lugo e 40 en Santiago-. Esta cifra medrou considerablemente tanto o ano pasado coma o actual. En ambos foron un total de 300 as bicicletas postas a disposición dos solicitantes -200 para os do campus santiagués e 100 para os do lucense-. Tamén se ampliou o período de disfrute, que empezou sendo de tres meses e agora xa é de seis.

Ademais de fomentar o uso de medios de transporte alternativos ao automóbil e promover unha mobilidade sostible, o programa busca estudar as particularidades do uso da bici en Lugo e en Santiago. Na primeira destas cidades arredor do sesenta por cento dos usuarios das bicicletas do servizo de préstamo da USC recoñeceron que é imprescindible a creación de carrís bici tanto na cidade coma no propio campus. Afirmaron ademais que esta campaña está contribuíndo a cambiar os seus hábitos, de xeito que agora empregan a bicicleta con máis asiduidade. De feito, no campus lugués pasouse duns niveis de uso do dezasete ao corenta por cento; mentres que en Santiago subiron dun 33 a un 64 por cento.

Hábitos de mobilidade

Tal como recolle o estudo sobre hábitos de mobilidade na USC, realizado polo Plan de desenvolvemento sostible, estímase que ao longo do ano acceden diariamente ao campus de Lugo uns 1.750 automóbiles de membros da comunidade universitaria. No mesmo estudo recóllese que as principais preocupacións da comunidade universitaria en relación coa mobilidade están relacionadas cos problemas do servizo de transporte urbano e coa escaseza de aparcamentos e a falta de infraestruturas para facilitar o transporte en bicicleta.

A utilización da bici como medio de transporte por parte das 300 persoas que se benefician do préstamo leva implícita a redución das emisións de CO2 e a desconxestión do tráfico existente nos campus, ao tempo que se consegue que outros problemas asociados á utilización do coche, como a contaminación acústica ou a ocupación de espazos, teñan menos incidencia.

Outro estudo, neste caso sobre impacto ambiental, feito tamén polo Plan de desenvolvemento sostible da USC, revela que os 360 usuarios das bicicletas nas dúas primeiras edicións do programa evitaron que 27 toneladas de dióxido de carbono se emitisen á atmosfera. Coa ampliación do prazo de préstamo e engadindo os usuarios deste curso, prevese que esa cantidade aumente ata as trinta toneladas.

Optimización enerxética

A esta actuación encamiñada a reducir as emisións de CO2 hai que engadir outras, coma o plan de optimización enerxética, con medidas como a instalación de motores de coxeración e de alumeado intelixente e a substitución de caldeiras de calefacción. Nalgúns centros da USC as medidas centráronse no cambio de cerramentos exteriores, na mellora do sistema de alumeado interior e de distribución da carga térmica e na colocación de instalacións fotovoltaicas.

Con todas estas medidas a Universidade de Santiago agarda evitar a emisión de 142 toneladas de dióxido de carbono a atmosfera, contribuíndo a diminuír o impacto ambiental.