Entrevista | Juan José Casares Long Este catedrático de Enxeñería Química defende unha candidatura alternativa que non xorde do descontento, «senón da ilusión que ten a xente polo cambio»
05 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.?ando o seu rival anunciou a confluencia entre as tres plataformas do profesorado, moitos deron por feito que non habería alternativa. Agora, Juan Casares ve con optimismo o resultado das eleccións. -A verdade é que si, porque aínda que eu falei con moitísima xente antes para recoller a súa opinión, despois de falar coa maior parte dos centros da universidade e de participar en tres debates, a impresión é que a nosa posición mellorou considerablemente. -¿En que sectores atopa máis descontento? -Non é descontento, é a ilusión polo cambio, a xente sinte que hai unha alternativa. Ao mellor antes non tiña conciencia dela toda a comunidade universitaria, pero esa alternativa ofrece unha posibilidade de debate que doutro xeito non habería na universidade. A impresión que temos é que a xente séntese atraída pola nosa candidatura. -¿Onde houbo máis incumprimentos por parte do actual equipo? -Hai unha serie de déficits en distintos ámbitos da universidade. Foron catro anos confusos porque foron catro anos sen planificación. De resultas diso a xente perdeu moita ilusión, non sinte o compromiso da institución con eles, porque non se valora o traballo que están a facer. Hai unha falta de participación, a falta de participación é a causa dunha falta de diálogo e a falta de diálogo provén dun sentimento de falta de transparencia. -¿Hai unha falta de transparencia na USC? -É o que a xente percibe. -¿E como a acadará? -Se conseguimos que a xente sinta que ten toda a información relevante e, ao mesmo tempo, conseguimos abrir canles de diálogo con todos aqueles que teñen responsabilidade de docencia, de investigación e de xestión, este diálogo traerá consigo a participación. Cando a xente se sinte partícipe, síntese tamén escoitada, e é moito máis doado avanzar. -¿Como definiría a situación económica da USC? -Está lonxe de ser estable, temos unha importante débeda que medrou moito nos últimos catro anos, e á que teremos que facerlle fronte a partires de xa. Temos un plano de financiamento que está pensado para unha situación económica de bonanza das universidades e, polo tanto, que parte dun aporte público escaso. -Acúsano se ser simplemente unha alternativa para que non haxa unha soa candidatura. -Non é certo. A nosa candidatura xorde dun debate entre compañeiros e amigos que entendemos que o rumbo da universidade debe ser outro, e entre eses compañeiros eu son o que decido dar o paso adiante, non falar polos corredores da miña incomodidade, senón mostrar publicamente que hai unha posibilidade de traballar mellor. -O feito de que a outra candidatura aglutine a tres plataformas, ¿pensa que pode ser unha eiva? -É a comunidade universitaria a que ten que analizar se é unha candidatura feita dende o debate e a discusión das que durante moito tempo foron posicións enfrontadas, e se de resultas desta discusión e análise chegan a facer un modelo de universidade diferente. -¿A USC está preparada para o espazo europeo? -Imos retrasados a nivel estatal, e iso tennos a todos moi apurados, pero aínda que non quede moito tempo hai que facelo ben, porque o realmente importante é que non deixemos de ser eficaces para ser eficientes.