Exemplo de educación infantil

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

EDUCACIÓN

RADIOGRAFÍAS | O |

16 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O NENO botaba cada xuramento que pensei que ía fender as paredes da cafetería. A mamá sentada coas amigas e o presunto papá fumaba mentres lía un xornal de deportes. -Nené, ¡no grites tanto que pareces del medio del monte! Estiven a piques de erguerme da miña mesa e dicirlle á señora que ao neno quen o educa son os pais e non os porcos bravos dos montes. Calei. Ela proseguiu falando do prezo do solario e dos atascos «horribles que se montan en Carballo». O rapaz, aprendiz aventaxado de topia, guindábase polo chan, furaba entre as mesas e incluso dubido que non lle botara os dentes ás pernas dalgún cliente. O camareiro con cara de circunstancias, contendo as ganas de correr a gorrazos ao neno e aos seus proxenitores. -Nené, ten tino con las esquinas de las mesas que aún vas llevar un buen golpe. O pícaro ao seu, sen inmutarse, e o papi adormecendo co periódico medio ladeado. Ata que o rapaz conseguiu o obxectivo: dous vasos e un pocillo roto. Logo, consumado o estropicio , veu a reprimenda extemporánea e a mamá incluso fixo amago de repartir unha labazada. -Mira como salen por culpa de la tele. ¡Que paciencia, señor!?