«A Universidade debe estender a súa labor a toda a sociedade»

José Miguel López VILALBA

EDUCACIÓN

Entrevista | Jesús Rodríguez Rodríguez

11 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

Jesús Rodríguez, de Xermade recibe hoxe no salón de grados do colexio de San Xerome de Santiago o premio polo seu traballo de innovación educativa na Universidade: A elaboración de materiais didácticos por e para adultos. Unha experiencia didáctica innovadora co alumnado de Terceiro de Educación Social . -Foi unha excelente oportunidade a través da que ensinar e aprender cos nosos maiores e unha magnífica ocasión para que os alumnos de Educación Social fosen os auténticos coordenadores e dinamizadores das iniciativas. -¿Que encheu máis o seu espíritu investigador? -Ver coma persoas de 90 anos elaboran os seus propios materiais no seu primeiro achegamento ás novas tecnoloxías. Moita xente tiña dificultades para comunicarse con familiares no estranxeiro e con Internet empezaron a facelo máis a miúdo. Experiencias coma a dunha neta e os seus avós con itinerarios para coñecer Santiago e a súa historia, e varios talleres. -¿Que bloques abordou neste traballo? -O acervo cultural coa elaboración de libros, recuperando tradicións; as relacións interxeneracionais nas escolas; a potenciación da memoria con exercicios e actividades prácticas; a educación para a saúde, con experiencias como medicarse ben e técnicas de relaxación; as habilidades lector-escritoras; a potenciación de habilidades cognitivas, traballar con publicidade e a información manipulada; a integración sociolaboral con inmigrantes caboverdianos; o aproveitamento formativo do ocio e as novas tecnoloxías. -¿Que labor fixeron os seus alumnos? -A Universidade debe estender a súa labor a toda a sociedade, polo que para min os alumnos son profesionais. Participaron 250 estudiantes e 500 persoas maiores en 70 experiencias. Foi moi gratificante pola relación de seis anos de profesor-alumno e ver como este traballaba con persoas en risco social. Este traballo vai seguir, pero con outras temáticas, cos inmigrantes e a súa integración.