Universidade de emprendedores

XAVIER MARTÍNEZ COBAS

EDUCACIÓN

CUM LAUDE | O |

03 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI POUCOS días, o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, José Manuel Fernández Alvariño, valoraba dende as páxinas deste mesmo xornal as relacións universidade-empresa, salientando unha serie de feitos concretos na cooperación presente e permanente entre a CEP e a Universidade de Vigo.Na lectura deste artigo faise evidente a amplitude e permanencia das relacións en temáticas de emprego e prácticas en empresas ou en investigación e desenvolvemento, mais tamén no seguimento do mercado laboral e da demanda empresarial como indicadores para determinar a oferta de estudios de posgrao da Universidade de Vigo. Sobre este último feito quixera levar unha reflexión. A Universidade de Vigo, sen renunciar a formar intelectualmente aos e ás estudantes, é consciente hai xa anos de que capacitamos profesionais para un mercado laboral ao que deben presentarse nas mellores condicións posibles. Cando estes días estase a falar nos medios de comunicación da "crise dos estudios de humanidades", é bo lembrar que na nosa institución o impacto desa crise é limitado, entre outras causas, pola decisión de abrir estudios en Traducción e Interpretación. Outro tanto podemos dicir da aparición de Ciencias do Mar, auténtica aposta de futuro e de compromiso cos sectores económicos ligados ao mar e co medio ambiente. Outro feito pouco coñecido da comunidade universitaria viguesa é a súa capacidade de emprender. Co asesoramento da Oficina de Iniciativas Empresariais, os recén titulados crean empresas a un ritmo de unha por mes, estando calificadas boa parte delas como "empresas de base tecnolóxica". Comezan a verse así os resultados de teses de doutamento, de proxectos de fin de carreira ou de titulados que, formados previamente sobre a creación de empresas, escollen a propiedade do seu negocio como saída laboral. As empresas non parten tan só de Economía e Administración de Empresas ou das carreiras técnicas. Bioloxía, Publicidade, Belas Artes, Traducción... devolven á sociedade xóvenes emprendedores e emprendedoras, que conformen a nova xeración dun Vigo no que un dos seus trazos identitarios é a capacidade de emprender. Dos traballos existentes sobre a inserción laboral universitaria, as conclusións son claras a longo prazo: da formación universitaria saen os empregos mellor remunerados e máis estables. Isto, que é contrastable en calquera país desenvolvido, é tamén unha das máis firmes apostas da Universidade de Vigo. Xavier Martínez Cobas é vicerrector da Universidade de Vigo.