Os Cursos de Lingua e Cultura acollen dende onte a estudiantes de vintecinco países O obxectivo é que os alumnos tomen contacto coa realidade lingüística de Galicia
03 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.? Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da USC foi o escenario no que se inaugurou a decimosexta edición dos Cursos de Lingua e Cultura Galega para estranxeiros e españois de fóra de Galicia. No acto, ó que asistiron os 129 alumnos matriculados procedentes de 25 países, participaron o conselleiro de Educación, Celso Currás, o director dos cursos, Manuel González González, o vicerrector de Terceiro Ciclo e Extensión Docente, Marcelino Agís, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, e o director do Instituto de Lingua Galega, Antón Santamarina, entre outras persoalidades. Manuel González, que explicou a programación dos cursos, dixo que o principal problema é o dos alumnos que veñen con bolsas, como os da universidade romanesa de Babes-Bolyai'Cluj. Así e todo insistiu no éxito desta iniciativa, na que participaron 1.511 alumnos dende a súa creación en 1988. O presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, invitou ós estudiantes a coñecer cos seus propios ollos a cultura do pobo galego, «un pobo que non desertou nunca da posibilidade de falar na súa lingua», dixo o académico. Pola súa parte, o vicerrector de Terceiro Ciclo e Extensión Docente da USC, Marcelino Agís Villaverde, sinalou que estes cursos permiten «adquirir coñecementos técnicos do idioma pero tamén descubrir un anaco do ser galego porque na lingua vai contido o carácter de todos aqueles que a falan». O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás, dixo que o obxectivo dos cursos é promover a lingua galega alén das nosas fronteiras porque «a riqueza espiritual está na diversidade e non na uniformidade». Os Cursos de Lingua e Cultura Galegas, que están organizados polo Instituto de lingua Galega, a Real Academia Galega e a Dirección Xeral de Política Lingüística, rematarán o día 30 deste mes coa entrega de diplomas de asistencia e certificados de aptitude a aqueles alumnos que superaran o nivel esixido.