«Faise cultura de escaparate»

La Voz

EDUCACIÓN

PACO RODRÍGUEZ

CONCHA PINO A ENTREVISTA José Antonio Caride, coordenador de «Educación social e políticas culturais» A democratización da cultura non basta, e faise necesario «recuperar a idea dunha cultura cotián» que supere «o modelo tan en uso de facer cultura de masas. Faise cultura de escaparate». A reivindicación faina José Antonio Caride, profesor de Pedagoxía da Universidade de Santiago e coordinador da décimo quinto Seminario Interuniversitario de Pedagoxía Social, marco no que teóricos, expertos, xestores e políticos van debatir a semana que vén en Santiago sobre «Educación social e políticas culturais».

15 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Os debates deste seminario van xirar sobre un tema tan vivo como controvertido, porque en nome da cultura fanse moitas cousas que non o son. _¿Que debe definir unha política cultural? _A política e a cultura constituen dúas referencias claves no desenvolvemento da sociedade actual, alómenos para que sexa máis humano, que permita entender a complexidade, equilibrar ou harmonizar os procesos de globalizazión, e entender a diversidade. E que todo eso se faga desde compromisos e responsabilidades que non poden estar só en mans do mercado. Reivindicamos que as distintas administracións públicas se comprometan e se responsabilicen polo acceso e o desenvolvemento da cultura no conxunto da cidadanía. -¿Non se está facendo cultura de escaparate no afán de chegar ás masas? _A expansión a amplios sectores sociais é a tentativa na que están empeñados os grupos de poder. Non se pode confundir a labor de xestión coa de política cultural. É necesario entender a cultura dende unha perspectiva moi ampla, dende as súas diferentes manifestacións e expresións. E recuperar a dimensión ética, o sentido da cultura como valor, pero non só o que a sociedade enfatiza como valor de mercado.