Paula Uría: «A tramitación dun parque é longa e non implica que se aprobe»

f. fernández REDACCIÓN / LA VOZ

ECONOMÍA

PACO RODRÍGUEZ

Defende que os proxectos eólicos pasan moitos filtros antes de ser autorizados

20 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Paula Uría (Ferrol, 1975) leva sete meses coma directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, tras suceder no cargo ao histórico Ángel Bernardo Tahoces.

—Elixa: carbón ou eólica.

—Loxicamente, desenvolvemento de enerxías renovables, non solo eólica, estamos nun proceso de transición enerxética.

—Pero a Xunta oponse ao peche da central de carbón de As Pontes.

—A Xunta o que quere é o mantemento do emprego dun xeito inmediato, a corto prazo, e o que está propoñendo é renovables, biocombustibles.

—¿Están dacordo co plan alternativo ao carbón que presentou Endesa?

—Nos parece unha oportunidade a un prazo medio porque son investimentos que favorecen o emprego da zona das Pontes, que é o que precisa a comarca. Pero o que nós tamén estamos poñendo enriba da mesa é que se analice, por parte de Endesa e tamén do ministerio, a posibilidade, que para nós é factible, de manter unha parte da planta con biocombustibles.

—Pero Endesa non quere.

—As probas técnicas ambientais que realizou Endesa concluíron que era viable, tanto tecnicamente como ambientalmente. Agora hai que ver a viabilidade económica. Entendemos que si que a hai, sempre e cando haxa un marco retributivo estatal, como teñen outras tecnoloxías.

—¿Cómo valora o plan de Naturgy para Meirama?

—Meirama está nunha situación distinta, xa ten unha autorización de peche, e entendemos que Naturgy debe ter uns compromisos máis firmes coa zona, que blinden unha transición xusta polo emprego que se vai perder. A empresa debe apostar máis firmemente pola reindustrialización da comarca.

—Hai certa alarma social polo aluvión de proxectos eólicos.

—Non é o mesmo que se solicite un proxecto a que se admita a trámite ou que se estea tramitando. Se confunde todo. Que un promotor presente unha solicitude non quere dicir que se vai admitir sequera. Levamos rexeitadas máis de cen peticións porque non cumpren unha serie de requisitos. Se empeza a tramitar cando se somete a información pública; previamente, o promotor pode facer consultas previas ambientais para saber se hai algunha afección incompatible. O obxectivo é que a cidadanía e os distintos órganos consultivos da Xunta lle digan como ten que facer o estudo de impacto ambiental. Ese trámite previo non é un proxecto xa en tramitación. Pode estar admitido a trámite porque cumpre uns requisitos iniciais, pero está aínda nunha fase moi previa. En moitos casos non pasan de aí. Proxectos admitidos a trámite nos que o promotor desistiu temos máis de 40. E despois cando se someten a información pública, en trámite más maduro, temos 43 proxectos. Significa que están iniciando a tramitación, non que vaian para adiante, porque teñen que ter todos os informes sectoriais favorables, unha declaración de impacto ambiental favorable e permiso de acceso e conexión á rede.

Solicitudes hai moitas, pero moitas nin se admiten a trámite.

—Falaría de avalancha entón?

—Temos un volume importante de expedientes que temos que analizar, máis de 200. Houbo un efecto chamada aos promotores por un real decreto lei do ministerio fai un año, que fixou uns prazos para que os proxectos presentados fai tempo se vaian executando. Condiciona os permisos de acceso e conexión a ter a declaración de impacto ambiental nun prazo de tempo. E para non perder eses permisos de acceso e conexión presentaron moitas solicitudes enriba da mesa. Isto pasa en toda España, non solo en Galicia.

—E por riba chegan proxectos presentados no ministerio.

—Si. O sector está liberalizado, e os proxectos de máis de 50 megavatios se poden presentar no ministerio, pero a administración autonómica ten que informalos. E nos estamos encontrando con que todos os proxectos que levamos analizados negativamente ata o de agora, que son 36, están fora das áreas de desenvolvemento eólico de Galicia, que é onde se poden construír os parques.

—Esa decisión da Xunta é vinculante? Vanse construír eses parques?

—Incumpren totalmente a ordenación territorial, que é competencia exclusiva da comunidade autónoma. Non tería sentido sequera que o ministerio seguise coa tramitación deses proxectos. Iso é o que lle pedimos.

—Que obxectivos se marca a Xunta de instalación de nova potencia eólica?

—O obxectivo do sector eran 450 megavatios ao ano. No 2019 foron 420, no 2020 co covid a cousa mermou; este ano hai algúns proxectos autorizados, algún en obras e outro que se vai poñer en marcha.

—Entón, hai moitas solicitudes, pero poucos parques en execución.

—A tramitación é moi longa. Hai que transmitir a mensaxe de que tramitar non é autorizar. Que se solicite non significa que vaia ser autorizado. Primeiro hai un análises previo dos requisitos, se está dentro da área de desenvolvemento eólico ou se está en Rede Natura, se o está nin se admite a trámite, salvo que sexa unha repotenciación porque do que se trata é de minimizar o que xa está implantado. Ata que se autoriza debe pasar moitos filtros, a análises técnica dun proxecto se realiza dende diferentes puntos de vista: patrimonio natural, patrimonio cultural, paisaxe, saúde pública, urbanismo, Augas de Galicia ou Confederación Hidrográfica, Turismo... Pasan polos organismos da Xunta, pero tamén do Estado, como Aviación Civil, e o propio Concello tamén ten que informar. Despois ten que haber unha avaliación ambiental. Con todos eses informes favorables e unha declaración de impacto ambiental favorable e se conte con permiso de acceso e conexión á rede xa se podería outorgar unha autorización.

—O desenvolvemento eólico está por riba da actividade agrícola?

—Teñen que ser compatibles con todas as actividades agraria, gandeira... Xa está sendo compatible e ten que seguir sendo así. Con todos eses informes se analiza que esa compatibilidade está garantida.

—Pero as máquinas son moito máis grandes.

—Si, pero son menos ruidosas, por exemplo.

—A lei de reactivación económica acurta prazos de tramitación.

—O que se pretende é aproveitar sinerxías de diferentes procedementos sen reducir ningún tipo de garantías. É dicir, cando Medio Rural ten que informar o estudo de impacto ambiental, o proxecto de execución e o proxecto sectorial, o lóxico é que o analice de xeito conxunto e emita un único informe, non tres distintos.

—Pero esa lei inclúe excepcións á instalación de parques fora do plan sectorial eólico.

—Si, se o proxecto ten un impacto territorial socioeconómico que o motive.

—Hai algunha solicitude xa?

—Hai unha, que non está analizada.

—Esa excepción pode provocar tamén un efecto chamada, non?

—Unha excepción é iso, ten que estar suficientemente motivada e xustificada. Por exemplo, se ven un novo operador para Alcoa que necesite un proxecto enerxético pois probablemente teña unha xustificación. Non digo que xa o teñamos eh.

—Vai haber parques eólicos no mar en Galicia?

—As competencias as ten o ministerio, que é o que ten que ordenar onde se poden instalar. Recibimos a proposta de desenvolvemento en determinadas áreas tendo en conta a biodiversidade, tráfico marítimo, pesca, e a estamos analizando no seo do observatorio. Estimamos que si hai espazo para que sexa compatible coa pesca, por iso creamos o observatorio. Temos claro que non pode ir contra unha actividade que temos implantada en Galicia.