Rapidez e gratuidade para os afectados

Sol Vázquez Abeal A FAVOR DEL PROCESO EXTRAJUDICIAL

ECONOMÍA

24 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Tan só un mes despois da sentenza do 21 de decembro do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que recoñece aos consumidores o dereito a recuperar as cantidades indebidamente cobradas polas cláusulas chan abusivas, España conta cun procedemento áxil, gratuíto e con garantías para que os clientes poidan ver restituído o seu diñeiro. O real decreto lei que entrou en vigor o pasado sábado establece un mecanismo específico que é obrigatorio para as entidades bancarias, e voluntario e gratuíto para o consumidor. Con esta medida, o Goberno central non só axiliza os tempos, senón que tamén posibilita a restitución do diñeiro sen necesidade de que os clientes teñan que acudir á vía xudicial.

Unha vía esta última que, por outra banda, permanece sempre aberta e á que as persoas afectadas poden recorrer no caso de que non alcancen unha solución que lles resulte satisfactoria neste procedemento extraxudicial creado ex profeso.

Do mesmo xeito, todos os medios cos que conta a Administración autonómica están e estarán á disposición das persoas consumidoras e usuarias. Tanto nas nosas sete oficinas como nas xornadas informativas que estamos a celebrar nas principais cidades e a través da páxina web consumo.xunta.gal, os afectados polas cláusulas chan abusivas seguirán a contar co Instituto Galego de Consumo e da Competencia. Este posicionouse en todo momento ao lado dos afectados, achegando información e asesoramento para que poidan á fin recuperar o seu diñeiro. De feito, máis de 1.000 persoas teñen pasado neste mes polas oficinas do Instituto para pedir información ou trasladar as súas dúbidas sobre o procedemento.

Desde a Xunta reiteramos unha vez máis que os bancos deben dar unha resposta axeitada e responsable, reparando o dano producido e alcanzando unha solución satisfactoria para os consumidores afectados pola falta de información e transparencia nos créditos hipotecarios. É de xustiza.