Sistema de interrumpibilidade

Fernando Branco Parga

ECONOMÍA

En datas recentes vénse de celebrar a poxa que regula a adxudicación do servizo de interrumpibilidade (o que permite aforro económico a empresas de gran consumo eléctrico). Como era de prever, a recente modalidade de poxa pode afectar a unha parte significativa do tecido industrial galego.

Sorprende que algunha patronal, e tamén o Goberno galego, se rasquen as vestiduras polo resultado, cando os efectos eran previsíbeis, pois estamos diante dun mecanismo perverso por diferentes motivos.

En primeiro lugar, a realización dunha poxa anual -unha sorte de ruleta rusa- vai poñer en cuestión os necesarios investimentos para a modernización de industrias que teñen unha grande dependencia do prezo da enerxía para desenvolver a súa actividade.

Este método para adxudicar o servizo tamén pode provocar unha competencia desleal entre empresas do mesmo sector produtivo que, a partires de agora, van ter prezos moi diferentes da electricidade; pois a súa filosofía, claramente neoliberal, é considerar a electricidade como un ben de consumo máis, e non como un ben básico. Esta mesma filosofía é a que acaba provocando fenómenos tan desastrosos como a pobreza enerxética que afecta a tantas familias deste país.

As outras utilidades

Outro singular aspecto perverso deste novo sistema de puxas ideado polo Ministerio de Industria é que pode ser de utilidade para algunha empresa que pretenda pechar ou reducir centros produtivos, pois será fácil argumentar a condición de despedimentos por causas obxectivas, coa escusa de ficar fóra do prezo necesario de electricidade necesario por culpa da poxa.

Por último, como explicar socialmente que a comunidade de Galiza sendo excedentaria en produción de enerxía eléctrica, soportando os custes sociais e medioambientais desta actividade, non poida favorecer os prezos a industrias afincadas no país. Non estaría de máis que a Xunta observase como o Goberno vasco vai acadar prezos enerxéticos máis baixos para a súa industria a partires de xaneiro e co apoio do Executivo central.

Fernando Branco Parga es exdeputado do BNG experto en enerxía.