A profesora destaca que o sector foi capaz de buscar vías de saída
10 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Solta frases coma latigazos, pero cargadas con todo o senso común que da unha análise de datos obxectivos e as súas evidencias. ¿Cales? Que na pesca se está a limitar a capacidade produtiva galega por intereses políticos e que, aínda así, o sector pesqueiro soubo aguantar e buscar outras vías.
-O seu equipo está a facer as tablas input-output da pesca e parece que a pesca gañou capacidade de arrastre.
-As tablas aínda están nunha primeira lectura. O que si podo dicir con seguridade é que, por razóns da propia fortaleza do sector, foi sendo capaz de crear en terra actividades novas de valorización, de transformación, de comercialización... Non temos aumentada a capacidade de captura propia, senón diminuída e, sen embargo, o papel das importacións de produtos equivalentes fixo que se utilizase o tecido produtivo vinculado á pesca en Galicia para darlle saída como exportación, tanto ao resto de España como ao resto do mundo.
-Pero exportamos o que non é noso.
-Hai unha parte que é nosa. Producimos e importamos para transformar. Por exemplo, todo o atún que envasan as conserveiras galegas, que están dentro das cinco primeiras de Europa, é importado. Pescanova e outras empresas medianas e pequenas, igual. Importan de lugares onde non se consume ese marisco e, digamos en termos gandeiros, se estabula en Galicia, e sae de aquí como marisco propio. Ten o marchamo de ter unha calidade que está ganada no mercado polo produto galego. Iso indica que, dunha debilidade, o sector pesqueiro foi capaz de construír unha saída. Pero iso non é óbice para seguir dicindo que o que necesitabamos era seguir tendo a mesma capacidade de captura que, como sector económico, se estivo en condicións de defender noutras épocas. Ao meu entender, a perda dunha unidade pesqueira sempre é negativa.
-E aquí van moitas.
-Van. A perda de flota sempre acarrea caída de capacidade económica nos restantes sectores.
-Non parece que o entendan así na Comisión Europea.
-Non creo que o problema sexa de entendemento, porque senón pensaríamos que son tontiños. É de intereses. Un grupo de países teñen uns, e o Estado español, polas razóns que sexan, presentes ou históricas, non é capaz de que as súas necesidades sexan convertidas en leis. É un problema de natureza política.
-¿A pesca é máis estratéxica que nunca?
-A pesca é estratéxica sempre, por unha razón esencial: é un sector económico que produce alimentos, e os alimentos son esenciais para un Estado en calquera situación, excepto que sexa un Estado de mentes non lúcidas. A propia UE nun tratado fundacional, o de Roma, así se manifestou, que era fundamental salvagardar as capacidades produtivas do sector produtor de alimentos, que para eles era agrogandeiro. E así no propio Tratado de Roma, neste recoñecemento nace a política agraria común (PAC), que foi vínculo de unión comunitaria durante 25 anos e gasto do orzamento comunitario do 80 % durante eses 25 anos. Non hai ningún Estado moderno que non salvagarde o seu sector produtor de alimentos, nin Xapón, nin EE. UU., nin a propia UE nacida desa maneira. Nós temos que ter esa consciencia e reclamar ese dereito por riba de nada.
-Isto é, que a UE atenta contra os seus principios
-Son intereses contrapostos. Nunca se puxo en discusión a política do Banco Central Europeo, ¿verdade? Acátase e punto. Nunca se cuestionou a política industrial do automóbil, senón que se lle axuda, financia, subvenciona... A pesca, dirán os representantes comunitarios, tamén se financiou, pero cando se trata dun sector produtivo non financeiro como é o bancario, a subvención pode querer dicir que estás pagando a caída de actividade e iso é totalmente negativo, mesmo o enfoque.
-¿Quere dicir que a subvención está paliando a caída real da pesca?
-Din os comunitarios: non vos queixedes, que xa vos estamos subvencionando cos fondos estruturais. Pero iso é unha maneira absolutamente perversa de tratar a un sector de actividade económica que se subvenciona para que desapareza.
-¿Qué foi o peor que lle puido pasar á pesca galega?
- ¿O peor? Se desaparecera estariamos peor. Como non desapareceu, senón que aínda estamos vivos, capaces e comemos produtos dunha calidade inmellorable, que non hai en ningún outro sitio de Europa, temos esperanza.
carme garcía negro doutora en ciencias económicas, experta en economía pesqueira
«Non hai Estado moderno que non salvagarde o seu sector produtor de alimentos»
«O da Unión Europea non é un problema de entendemento, é de intereses»