A unión fixo a Clesa galega

Javier Guerra CONSELLEIRO DE ECONOMÍA

ECONOMÍA

21 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Hoxe iníciase unha nova etapa para Clesa. Unha etapa que pon fin a meses moi duros para os implicados no futuro da planta de Caldas, especialmente, para os traballadores e as súas familias. A pesar da complexidade do proceso, o Goberno galego non dubidou un momento: Clesa tiña que sobrevivir. E tiña que facelo por moitos motivos: polos seus 35 anos de historia; polo seu peso como creadora de emprego e riqueza en Galicia; porque non é só un foco económico, senón tamén social polo que pasaron varias xeracións dentro das mesmas familias; por ser un baluarte nun sector estratéxico para a comunidade e reflexo esperanzador do futuro da industria láctea galega; pero sobre todo, polos traballadores, que sempre nos transmitiron o seu alento, o seu esforzo e a súa confianza no futuro da empresa.

Foi isto o que levou á Xunta de Galicia a defender, con todo o que tiñamos na nosa man, a viabilidade dun proxecto que sabiamos que podía e tiña que saír adiante. A clave foi a unión entre empregados, comité de empresa, compradores, goberno local e Administración autonómica. Todos traballamos centrados en acadar un único fin, salvar a empresa e, ademais, devolvela a mans dun grupo galego, un grupo formado por dez cooperativas lideradas por Feiraco capaces, non só de reactivar a fábrica, senón de impulsar os seus niveis de competitividade para que Clesa, agora cento por cento galega, sexa de novo un referente.

Moitas grazas polo esforzo de todos.