«Maril é o que menos importa na Semana Verde, importa o proxecto»

ECONOMÍA

O ata agora responsable da institución feiral admite que en máis dunha ocasión se sentiu defraudado pola actuación das Administracións

17 jul 2008 . Actualizado a las 02:10 h.

O histórico presidente da Fundación Semana Verde, José Maril, deixará de selo cando en setembro se renove o padroado seguindo os estatutos aprobados este martes e sexa relevado por un nomeado pola Xunta, con cargo honorífico.

-Dá a impresión de que a Semana Verde desaparecía e alguén a salvou. ¿Desaparecía?

-Era imposible que desaparecera. Está claro que as posibilidades económicas esgotábanse e había que tomar unha determinación. Fíxose o máis correcto, que é comprometer aos patróns a facer a achega necesaria.?-¿O cambio de data da Semana foi o punto de inflexión para que os patróns actuasen?

-Foi importante para tomar conciencia de que algo se perdía en Galicia. Foi unha sorte que os patróns visen a necesidade despois de seis anos sen asumir ningún compromiso.

-A Xunta ten a maioría no padroado dende o 2002, ¿por que cre que non tomou posesión real nin o PP nin o bipartito PSOE-BNG dende o 2005?

-Deberían responder eles por que non o fixeron. Aquí estívose traballando.

-Co bipartito, e finalizada a blindaxe da presidencia dende o 2007, ¿o problema era buscarlle substituto por parte da Xunta ou foi resistencia súa?

-Cando se empezou a plantexar, automaticamente se lle puxo o cargo enriba da mesa e ofrecéuselle a colaboración.

-En canto asalariado e ben pagado, ¿podíanlle reducir funcións ou retirarlle capacidade de dirección?

-Poderíanme deixar para ler o periódico. Tiñan a suficiente capacidade como para deixarme sen ningún tipo de función e incluso retirala.

-Acusouno o conselleiro de Presidencia de non colaborar e de obstruír. Os traballadores e os socios criticárono. ¿É a marcha de Maril a solución?

-É difícil de contestar. Coa miña marcha non se resolve nada, co que se resolve é se hai as colaboracións que ten que haber.

-Falou co PSOE e co BNG, ¿considera que o cambio estatuario e a contribución económica resolven o problema de fondo ou haberá que esperar ás próximas eleccións?

-O que hai que facer é elaborar un plan estratéxico e que os patróns o cumpran para asegurar o éxito deste proxecto a corto, medio e longo prazo.

-¿Nesta última etapa sentiuse só dende as Administracións por incumprimentos de compromisos de fondos?

-Sentinme en ocasións defraudado. Non eran os tratos, e houbo que arranxar como se puido.?-Cando se creou a Fundación, no 91, xa a Semana Verde era internacional e non había déficit. ¿Que fallou?

-A partir da fundación creáronse unhas infraestruturas das dimensión que, ademais de dar resposta á necesidade real de exposición, fosen un símbolo de Galicia en canto o papel que tiña que xogar na internacionalización. Investiron 45 millóns de euros, e á hora de facer os balances, hai que incluír a súa amortización. Ata o 98 cubríase a amortización cos plans cuadrienais da Xunta, e a partir de aí acabáronse. Isto hai que resolvelo a través de máis actividade para evitar este compromiso. Hoxe o proxecto máis importante na comercialización do ganado, a lonxa, é gratuíto para os usuarios. Cada euro público que se investiu reverteu 25,6 euros.

-¿Pensou en irse?

-Moitas veces, pero era una irresponsabilidade deixar problemas sen resolver.

-¿Como ve o futuro da Semana Verde?

-Estou moi contento. As nosas máximas aspiracións foron que este proxecto tivera o seu futuro asegurado dende que no 91 se creou a fundación. Agora hai que axustar os mecanismos á actualidade e ás esixencias do mercado. Esta modificación segue asegurando a viabilidade.

-E o seu futuro persoal. ¿Seguirá como patrón?

-Maril é o que menos importa na Semana Verde, o que importa é o proxecto. Estarei sempre onde sexa necesario. Agora hai que traballar nas próximas feiras: automóbil, Turisport, Semana Verde e Cimag.