ASIGNATURAS PENDENTES

La Voz

ECONOMÍA

XOSÉ MANUEL BEIRAS, PORTAVOZ NACIONAL DO BNG

02 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

O Euro está aquí e sabemos cómo foi a sua chegada. Celebra-se, agora, o bautizo dunha criatura que convive con nós dende hai meses e cuxas consecuencias -utilizando a linguaxe habitual dos mercados financeiros- xa están descontadas.
Se facemos caso da propaganda gubernamental, o euro chegou onte aos petos dos cidadáns como un agasallo de reis anticipado. Pero a verdade é que, sabendoo ou sen sabelo, todos cobramos e pagamos en euros dende hai tres anos, mais concretamente dende o 31 de decembro de 1998, dia no que o Consello da Unión Europea aprobou os tipos de cámbio fixos «ad infinitum» das respectivas moedas dos doce Estados integrantes da Unión Monetária.
Así pois, non hai efeitos sustanciais da moeda única que estén completamente por chegar. Os empresários saben que o aninovo non lles trouxo unha redución adicional do risco de cámbio co resto das moedas da zona euro, porque ese risco xa é cero; os traballadores saben que o primeiro de xaneiro non van desaparecer as diferéncias salariais cos seus colegas alemáns ou noruegos polo simple feito de que a diferéncia se faga máis visíbel ao estar expresada na mesma moeda; os consumidores saben que xa hai tempo que asistimos a un proceso polo que os prezos das mercadorias se parecen cada vez máis en Santiago e Bruxelas, e todos sabemos que o euro non nos vai traer, senón que xa trouxo, un xiro nas políticas fiscais da maioria dos Estados membros consistente na obsesión polo equilíbrio orzamentário a calquera prezo, na redución sustancial do papel do Estado na actividade económica, na configuración de Sistemas Fiscais máis regresivos, na demagóxia da redución do IRPF e no avance da privatización dos bens e servizos públicos.
Dende esta periferia fisterrá asistimos ao bautizo do euro coa preocupación de que a UE sexa quen de aprobar, máis cedo que tarde, duas asignaturas pendentes: avanzar sustancialmente na converxencia real dos territorios e dos habitantes que conformamos este espazo común e na construción dun edificio político respetuoso coa diversidade nacional, lingüística e cultural das comunidades existentes no seu interior.