Seis alumnas de Vila de Cruces impartirán obradoiros de regueifa no IES de Viveiro

VILA DE CRUCES

O instituto cruceño ten un dos vinte clubes galegos de improvisación oral en verso e xa acadou varios recoñecementos

19 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Seis rapazas regueifeiras da comarca pontevedresa do Deza, concretamente alumnas do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, impartirán hoxe varios obradoiros de regueifa nos institutos Vilar Ponte e María Sarmiento de Viveiro. Explicarán a arte da improvisación oral en verso, e ensinarán a improvisar ó alumnado viveirense.

O Clube de Regueifa do instituto dezao é un dos vinte clubes activos por toda Galicia que representan a vitalidade do movemento da Nova Regueifa, «unha ferramenta educativa e de tempo libre chea de humor, valores, creatividade e estímulos para a comunicación oral e a normalización da lingua galega», como destacan desde a organización.

Ademais, esta actividade ten como obxectivo presentar á rapazada de Viveiro o segundo Festival Lingua Moza, que terá lugar os dias 27 e 28 de xuño no Teatro das Cortes, no Vicedo. Neste certame haberá un espazo destacado para a regueifa, coa presenza do grupo Regueifa Tour e regueifeiras de diversos lugares de Galicia. Ademais, prevese un espectáculo protagonizado por mozos e mozas da Mariña.

Por outra banda, as regueifeiras de Vila de Cruces visitarán proximamente os institutos de Ortigueira e Cariño cos mesmos obxectivos: vincular a xente nova á lingua galega, aprender a regueifar e coñecer o Festival Lingua Moza.

A Mariña sumouse nos últimos anos á Nova Regueifa através do instituto Perdouro de Burela, activo colaborador do proxecto Regueifesta, premiado nos premios Enreguéifate e cun exalumno, Cristian de Burela, que vén de participar o 10 de xaneiro nos V Premios Galegos de Regueifa en Carballo.

«Hai un movemento que impulsan familias, pais e nais, e profes, que estamos comprobando que a regueifa é moi estimulante para mellorar as destrezas comunicativas, a creatividade..., para a seguridade persoal e a autoestima, e tamén como forma de vínculo das novas xeracións coa lingua galega», afirmou tempo atrás Sechu Sende (Padrón, 1972), profesor de secundaria no IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, ademais de filólogo, escritor e regueifeiro que impulsa a cita.

O centro cruceño participa fai tempo en distintos festivais e incluso organizou algún no municipio de Deza. Alumnos do centro xa acadaron distintos premios e a paixón pola regueifa vai pasando de xeración en xeración que acode a estudar a este IES