Laura Rubio Lareu: «Máis do 70 % dos cosméticos non teñen a composición esperada»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

VILA DE CRUCES

Cedida

Según a tese de doutoramento desta química moitos produtos incumpren a regulación

07 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A gama de ingredientes presentes nas formulacións cosméticas e a posible presenza de impurezas nas mesmas, que poden supoñer un risco para a saúde, centrou a tese de doutoramento da investigadora cruceña Laura Rubio Lareu (Salgueiros, Vila de Cruces) que foi dirixida polas profesoras Carmen García Jares e Marta Lores, e cuxo tribunal encargado de avaliar o traballo acordou por unanimidade concederlle a cualificación de sobresaínte cum laude. Chea de felicidade di sentirse a investigadora da USC «por ser unha recompensa ao traballo que hai detrás, meu e do grupo de investigación, e un recoñecemento ás directoras que axudan en todo».

—O estudo evidencia que máis do 70 % dos cosméticos de longa duración non cumpre coa lexislación vixente.

—Fixen a tese de doutoramento nun grupo de investigación que tiña experiencia previa na análise de cosméticos en xeral e no desenvolvemento de metodoloxías para analizar estes produtos, polo que tiven moita sorte. Xa se analizaran ingredientes típicos de cosméticos que están permitidos, restrinxidos ou regulados e algúns tamén prohibidos, pero xurdiu a atención na aparición dos cosméticos de novo formato; aos que lles chamamos extremos, ao presentar características extremas de longa duración, de determinada permanencia e fronteirizos que non se podían catalogar exactamente como cosméticos ao ter que cumprir coa lexislación vixente pero podían aterse a outras guías ou directivas como é o caso das tatuaxes permanentes ou tintes capilares permanentes. Analizámolos, profundizamos na súa caracterización e comprobamos que máis do 70 % dos de longa duración non cumpren efectivamente coa lexislación vixente, non ten a composición esperada.

—É un dato alarmista.

—Éo, pero tampouco hai unha regulación específica para estes produtos. É certo que dacordo á regulación dos cosméticos non a cumpre pero falta unha regulación máis específica en función de como van avanzando estes novos produtos.

—Apréciase un maior uso de cosmética de longa duración?

—En xeral é así e hai un maior uso de cosmética. Moitas veces pensamos só en maquillaxe e en termos femininos pero cada vez son máis usados polos homes e os produtos cosméticos implican tamén os de coidado persoal: xeles, champús, desodorantes, pastas de dentes, cremas...

—O estudo incluíu analizar aceites esenciais e tamén extractos naturais.

—Inicialmente comezamos con cosméticos, novos produtos e para pechar a tese, e tendo en conta a demanda de cosmética sustentable pola sociedade, quixen incluír aceites e estratos naturais que se usan cada vez máis nas formulacións cosméticas.

—Son produtos perigosos?

—Si, pero como calquera outro produto que está á venda. Temos a sorte de que hai unha regulación detrás en cosméticos, alimentos ou o que sexa que se está actualizando e revisando, pero podemos atopar certos compostos que poden supoñer un risco para os consumidores.

—Que conteñen eses produtos?

—Poder ter plastificantes ou conservantes, pero tamén poden ser trazas de metais pesados que poden ser un risco para o consumidor.

—Como experta na materia, cal sería a súa recomendación á hora de usar cosméticos?

—É difícil facer unha recomendación. Ao igual que nos alimentos o consumidor mira a etiquetaxe, e aínda que en xeral haberá termos que non se entendan, debemos ser razoables e non deixarnos enganar por todo. Nin todo é totalmente natural nin todo o químico é totalmente malo.

É. Investigadora no LIDSA da Facultade de Química da Universidade de Santiago.

Publicacións. A investigación doutoral de Laura Rubio Lareu viuse reflectida en varias publicacións en revistas internacionais de impacto no ámbito da Química Analítica.

«Estamos cun proxecto para descubrir segredos botánicos da comarca da Ulloa»

Os traballos incluídos na tese de doutoramento de Laura Rubio Lareu abarcaron a determinación de familias de compostos moi usados en cosmética, ata un total de 70 ingredientes, así como as características extremas e coñecidas pola súa maior permanencia. Á marxe de comprobar que moitos produtos non cumpren coa regulación de cosméticos, máis dun 30 % tampouco contan cunha etiquetaxe correcta, según a investigadora. As metodoloxías desenvolvidas nesta tese implicaron técnicas de preparación de mostras que fosen sinxelas, rápidas e de baixo custe ademais de amigables co medio ambiente. A determinación instrumental foi realizada empregando a cromatografía, acoplada a espectrometría de masas de baixa e alta resolución. Ademais diferentes enfoques metodolóxicos, que conlevaron o uso doutros detectores cromatográficos, e outras técnicas espectrométricas e espectrofotométricas, tamén foron aplicados neste traballo de investigación.

Por outra parte a química cruceña está agora centrada noutro proxecto que lle foi concedido ás catedráticas Marta Lores e Carmen García Jares, e que busca descubrir segredos da botánica de A Ulloa. «Trátase de levar a cabo unha recuperación agroforestal, caracterizar botánicos que son típicos da comarca da Ulloa e a idea é revalorizar produtos que se xeneran na explotación que ten a Sociedade Cooperativa Galega Muuhlloa e Milhulloa de diversas plantas como pode ser a flor do toxo», explica Rubio. Un estudo que ten como obxectivo intentar descubrir «que beneficios poden ter estas plantas e a súa posterior aplicación nos cosméticos». Está previsto tamén levar a cabo unha análise dos propios cosméticos que saen da cooperativa da Ulloa «para coñecer e avaliar a súa composición».