Medio millar de festeiros en Lamela

daniel gonzález alén SILLEDA

SILLEDA

Manolo Seixas

A mestra e poetisa Charo Golmar pronunciou o pregón na Romaría do San Marcos

03 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A parroquia de Lamela celebrou a XIII Romaría Enxebre Gastronómica de San Marcos, con misa solemne, procesión, pregón, xantar, música e preto de medio milleiro de festeiros, que aproveitaron a xornada solleira para encher o fermoso recinto, entre a capela e o coto do santo que aquí se venera á beira dun antigo camiño de peregrinación a Compostela.

O evento relixioso, etnográfico e gastronómico comezou na igrexa parroquial de Lamela, de onde saíu en procesión cara a capela a Virxe das Dores, ao tempo que desta saia o San Marcos, co acompañamento musical dos Sin Son Ghaiteiros. Xuntas as dúas imaxes, subiron levadas polos devotos ata o coto do Santo, un cotarelo rochoso situado na parte máis alta do recinto que preside a capela e coroa unha cruz, desde onde o párroco de Silleda, José Pérez, impartiu a bendición dos campos e dos froitos da parroquia, para logo na capela oficiar a misa solemne, cantada pola referido grupo dos Sin Son. Ao remate, o sancristán pasoulles o santo e doulles o seu ramo bendicido aos máis devotos, mentres que fóra o fogueteiro de Abades facía estoupar ducias de foguetes á hora do vermú.

Pregón de Charo Golmar

Vén sendo costume, e xa tradición, que un recoñecido persoeiro da cultura galega corra co pregón desta festa, ficando o seu nome inscrito nun fito que se descubre en cada edición. Este ano encargouse de pregoar esta animada romaría a mestra e poetisa lalinense Charo Golmar, nun acto conducido polo veciño de Lamela Carlos Costoyas, sendo presentada polo empresario e principal organizador desta típica e concorrida romaría, Miguel Villar Costoyas.

A pregoeira xuntou prosa e verso para cantar as terras de Lamela, destacando os seus aspectos xeográficos e históricos; a celebración da secular romaría do San Marcos, avogado dos enfermos e das colleitas; a gastronomía e hospitalidade das súas xentes e os fillos máis ilustres da parroquia do municipio de Silleda, tendo sentidas palabras para lembrar aos pregoeiros que a precederon, algúns xa falecidos, nas doce edicións que se levan celebrado da romaría. A pregoeira foi moi aplaudida ao remate polos presentes, recibindo varios agasallos por parte dos organizadores.

Logo da sesión vermú, que animaron musicalmente os grupos Lume na Lareira e os Sin Son Ghaiteiros, veu o xantar de confraternidade que serviu Crisóstimo de Vila de Cruces, co clásico menú de empanada, orella, polbo e churrasco, e as correspondentes sobremesas, viños e outras bebidas, cafés e augardente. A festa rematou coas actuacións musicais referidas e os máis animados bailaron e cantaron ata a noitiña.