Triplete festivo sin parón en Taboada

Daniel gonzález alén LALÍN

SILLEDA

Daniel González Alén

A parroquia do municipio de Silleda honrou ó seu patrón Santiago Apóstol, á Virxe do Carme e a Santa Ana

28 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

En tres xornadas celebrou as súas festas patronais a parroquia de Santiago de Taboada en Silleda, que tamén estiveron dedicadas a Virxe do Carme, Santa Ana e San Xoaquín. Xuntos saíron en procesión acompañados de moitos veciños e festeiros aos acordes do grupo de gaitas A Carballeira de Cercio e da charanga Ardores de Lalín, logo das misas solemnes e novena nos días anteriores. A parte profana dos festexos comezou o día 24 cunha verbena que amenizaron a orquestra Favorita e o trío Master, e ó día seguinte o dúo Nueva Era e a referida Charanga Ardores e xa na última xornada non houbo verbena aínda que si sesión vermú na que os gaiteiros da Carballeira de Cercio interpretaron varias pezas do folclore galego.

Boa ocasión esta celebración festiva para ollar a igrexa parroquial de Taboada, un dos mellores exemplares da arte románico na comarca de Deza, a pé do Camiño de peregrinación a Compostela ficando aberta a coitío ao abeiro dun convenio entre o Bispado de Lugo e o Xacobeo. A igrexa na que exteriormente destaca o seu tímpano coa representación da loita de Sansón co león, forma un fermoso conxunto cun ben labrado cruceiro ao pé do que pode ollarse un antigo sartego, serve a moitos peregrinos e usuarios da estrada Nacional 525 como pano de fondo para facer as súas fotografías recordando o seu paso polas terras de Silleda.

De mostrar esta igrexa románica a todos, selar as credenciais aos peregrinos e dar cumpridas explicacións históricas e artísticas encargase dende hai dez anos Xulio Lameiro Nogueiras, que sempre achega algún novo dato ao que sabemos e se leva publicado desta notable igrexa dezá. Do interior do templo destaca o senlleiro retablo principal que o ano pasado cumpriu trescentos anos de antigüidade e precisa con certa urxencia unha restauración que lle devolva o esplendor que foi perdendo co paso dos anos, así como a das orixinais imaxes e relevos que contén.

A Batalla de Clavijo

Construído en madeira tallada e policromada no estilo barroco que imperaba en 1718, ofrece unha representación iconográfica excepcional da famosa Batalla de Clavijo do ano 844, na que a tradición refire a aparición milagrosa do Apóstolo Santiago a prol do exército cristián. Segundo un artigo que José Carro e Inés Carballo publicaron en La Voz de Galicia o 29-07-2018 co titulo Trescientos años del retablo de la iglesia de Santiago de Taboada a representación do combate é «novedosa y distinta» a cantas se coñecen deste episodio bélico, na que os dous exércitos embaten de fronte mandados polos seus respectivos monarcas, identificables por las coroas que portan, e o Apóstolo galopa por terra, diante do rei Ramiro I que vai acompañado de soldados con vestimenta do século XVIII cun Cristo sobre eles e a cruz de Santiago, e pola banda dos musulmáns Abderramán II e os soldados con vestimenta mourisca, armados con cimitarras e escudos coas medias lúas características. Neste altar expóñense as imaxes de San Roque e a Virxe do Carme.

Restos de pinturas medievais

Sinala o noso improvisado guía Xulio Lameiro que detrás do retablo aínda quedan restos de pinturas medievais e lamenta que dende os anos corenta do pasado século a igrexa teña sido obxectivo dos ladróns de arte, que levaron antigas imaxes de madeira do Santiago Apóstolo, da Virxe do Rosario e do San Brais, entre outras pezas. Na igrexa hai outros dous retablos laterais mais recentes, dedicados a Cristo e a Virxe das Dores, Santa Ana e San Antonio un deles e o outro a Virxe de Fátima e tamén unha lauda sepulcral con armas dos Taboada Churruchaos que coidamos pertence a Casa de Carballeda desta parroquia do municipio de Trasdeza.