«O da figuración é relaxante e un goce»

amelia ferreiroa

SILLEDA

Cedida

Rosendo Estévez, un silledense polifacético que tanto participa nun concurso de cociña como figurante en series televisivas

12 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Planificarse e organizarse iso é o que fai Rosendo Estévez para poder conxugar as súas obrigas profesionais coas rodaxes nas que anda mergullado de un tempo para acá.

-A súa primeira experiencia como figurante atopámola en «O final do camiño»?

-Como figurante foi nesa serie que tiña o seu set principal en Silleda, pero antes xa fixera algunha cousiña na tele comarcal e despois de «O final do camiño» veu Serramoura e agora acabo de grabar para Viradeira; outra serie de televisión que parece que está tendo gran éxito.

-Pode adiantarnos algo da gravación de Viradeira?

-Pouco xa sabes que se garda moito segredo nestas cousas. O que podo dicir é que estou como figurante en dous capítulos e que terá que ver coas vodas que vai haber na serie.

-Non fará de cura?

-Non (risas). Pero tampouco podo contar máis. Haberá que agardar a ver os vindeiros capítulos.

-Detrás dun par de minutos de duración dunha escena hai horas de gravación?

-En moitos casos é así. Sen ir máis lonxo en Serramoura en que estou nunha escena de pouco máis dun minuto, que foi no episodio do pasado mércores cando atopo aquel cadáver, estivemos unha mañán enteira gravando nun pantano. Por tiros de cámara concretos, polos figurantes, polos artistas, pola luz... podes repetir varias veces unha mesma escena ao non axustarse ao que buscan os directores. Para un minuto pódese botar unha mañán enteira de gravación.

-O da figuración vénlle de familia?

-Ao mellor é algo xenético (risas). Meu irmán foi o que me enganchou a isto da figuración e de feito é quen me avisa moitas veces de que se precisan figurantes para unha determinada serie. Se teño disponibilidade na axenda e podo pois non o dubido xa que é unha enorme diversión o poder participar nisto.

-Digamos que xa está introducido neste mundiño.

-É coma todo. Participas nunha serie, como foi o meu caso en «O final do camiño» e logo xa entras digamos no listado de figurantes e chámante segundo o que vai habendo por se queres participar. A partires de aí é cuestión de ir cadrando axenda e no meu caso se teño un par de días libres e me coincide con algo que se esté rodando alá vou.

-Que lle aporta a figuración?

-É unha experiencia moi atractiva. Coñeces xente, sitios. É unha actividade inmensamente gratificante. O da figuración é relaxante e un goce. É algo que me permite rachar coa rutina, serve de desafogo e síntome moi cómodo.