A aldea baleira de Remesar, a estudo

Suso AMBOAXE RODEIRO

RODEIRO

Xoán Carlos García Porral

O alumnado do CPI de Rodeiro desenvolveu un proxecto interdisciplinar

16 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Un grupo de docentes do CPI de Rodeiro desenvolveu este curso, baixo o abeiro dun Plan Proxecta de Paisaxe e Sustentabilidade, un proxecto interdisciplinar que xirou en torno a unha aldea abandonada do concello. O lugar seleccionado foi Remesar, un lugar da parroquia de Carboentes que quedou deshabitado hai xa uns vinte anos. En palabras da profesora Rosario López Sutilo, coordinadora do proxecto, “aínda que son varias, lamentablemente, as aldeas abandonadas na comarca do Deza, Remesar pareceunos a máis idónea para desenvolver o proxecto, tanto pola proximidade ao noso centro como porque axiña soubemos que dous dos nosos alumnos tiñan a súas raíces familiares neste lugar”.

A verdade é que este lugar ten, ademais, moitos elementos que serven de exemplo de moitas cuestións que forman parte dos currículos escolares: unha das casas da aldea conserva aínda un escudo que remite á súa tradición solarega; a arquitectura popular da aldea mantense case sen adulterar; a igrexa da parroquia á que pertence conserva elementos escultóricos románicos moi interesantes; na mesma parroquia tamén se pode visitar o castro de Baroncelle, do que se manteñen, aínda vivas, lendas na tradición oral, e, por último, nas inmediacións descubriuse un endemismo botánico, o Narcissus Dezanus, que evidencia a rica diversidade natural da zona, con carballeiras aínda ben conservadas.

Non convén esquecer, ademais, que o concello de Rodeiro se enfronta, como outros moitos da Galicia rural do interior, a un problema de envellecemento e sangría demográfica con graves consecuencias ambientais, económicas, sociais e culturais que deixan pegada na paisaxe física e humana. A escola é o lugar idóneo para que as novas xeracións reflexionen sobre as causas que orixinaron esta situación, se decate das consecuencias dela e investigue posibilidades para revertela.

Sobre todas estas cuestións distintos Departamentos didácticos da ESO e especialistas e titores de Primaria foron organizando actividades ao longo do curso. En concreto, participou o alumnado de Primaria desde as titorías de 1º e 4º, de Proxecto Competencial de 5º e as das especialidades de Música e Educación Física. Ademais, todo o alumnado da ESO foi protagonista de actividades deseñadas desde os Departamentos de Inglés, Lingua Galega, Lingua Española, Matemáticas, Tecnoloxía, Plástica, Educación Física, Relixión e Proxecto Competencial de 1º de ESO.

A primeira das actividades organizouse o martes 22 de novembro de 2022. O alumnado de 3º e 4º de ESO do centro tivo a oportunidade de asistir a unha conferencia do investigador da comarca do Deza, Daniel González Alén, que ilustrou ao alumnado sobre o patrimonio histórico da parroquia de Carboentes. Nese mesmo día, escoitamos o profesor Xoán Carlos García Porral, cuxa intervención versou sobre as lendas presentes no contorno de Carboentes e as claves para identificar algúns seres mitolóxicos protagonistas delas.

Desde o primeiro trimestre, tamén se participou no proxecto “Galicia Nomeada”, unha web que xeorreferencia a microtoponimia de Galicia e axuda a interpretala a través de distintos arquivos de son, imaxes e texto. Nela, coa axuda dos antigos habitantes de Remesar, rexistráronse e analizáronse os microtopónimos desta aldea, nomes que conformaron ao longo de séculos a cartografía emocional de todas aquelas persoas que vivían alí. Eses nomes de lugar que día a día tanto se pronunciaban nesa aldea albergan un tesouro de lembranzas en todos aqueles que habitaron eses espazos. Ofrecen información valiosa, ademais, sobre distintos elementos da paisaxe, da flora, da fauna, da orografía...., unha riqueza inmaterial que non debe esmorecer.

Con posterioridade, tamén no primeiro trimestre, organizouse unha entrevista radiofónica a dous dos antigos veciños de Remesar, que acudiron ao centro para recuperar a lembranza daqueles tempos en que a aldea estaba habitada, unha actividade ben entrañable, entre outros motivos, porque un dos veciños entrevistados era o avó dun dos alumnos presentes.

No segundo trimestre, coa tecnoloxía dunha impresora 3D e o programa Tinkercad, o alumnado de 4º de ESO aprendeu a crear chaveiros co logo deseñado por eles mesmos, baseado no escudo da Casa Grande de Remesar.

Á altura do Entroido, o alumnado de Plástica de Secundaria reproduciu máscaras baseadas nos canzorros románicos da igrexa de Carboentes, obxecto dunha interesante exposición no centro que axudou a entender mellor as características e a intencionalidade da escultura deste período da historia da arte.

O alumnado tamén aprendeu a manexar as ferramentas que proporciona a páxina de cartografía da Xunta de Galicia para coñecer mellor as características da aldea de Remesar e da contorna. Ubicaron a aldea, calcularon a superficie das casas e das distancias que tiñan que percorrer os seus habitantes no seu día a día, cando as estradas eran carreiros que foron desdebuxados polo abandono. Tamén aprenderon a elaborar gráficas sobre a evolución da poboación na aldea cos datos que se obteron do padrón de habitantes do concello.

Ao mesmo tempo, analizáronse nas aulas outras realidades de aldeas abandonadas en Galicia e noutros lugares de España, contrastando a súa situación de partida con Remesar e pescudando en artigos e vídeos propostas de repoboación que se seguiron nalgunhas delas, coa finalidade de crear unha conciencia crítica no alumnado sobre esta realidade.

Así mesmo, investigáronse e identificáronse as especies de flora e fauna autóctonas máis interesantes que perviven na zona, con especial interese polo Narcissus Dezanus, concienciando o alumnado da importancia de preservar este endemismo.

Outra descuberta interesante sobre a parroquia de Carboentes foi a existencia dun fuxido durante a Guerra Civil, José Diéguez Viana, veciño de Barregallos e avó dun alumno do centro, cuxa biografía redactou para a páxina web do proxecto.

No terceiro trimestre, o alumnado de Proxecto Competencial de 5º ideou e redactou un conto infantil ambientado en Remesar, cuxa trama xira arredor da protección do Narcissus Dezanus. De igual xeito, o alumnado de Plástica de Secundaria creou un cómic cos protagonistas das lendas que aínda perviven en Carboentes.

Toda esta listaxe de actividades tivo como colofón este martes 13 de xuño unha saída lúdico-didáctica para coñecer de primeira man todo o aprendido. Dúas técnicas de medioambiente da cooperativa Educalecrín realizaron talleres sobre a flora e fauna da contorna; realizouse unha visita guiada por Xoán Carlos García Porral á igrexa románica de Carboentes e o castro de Baroncelle; o Departamento de Educación Física organizou xogos populares que practicaban os antigos habitantes de Remesar e, como non podía ser doutro xeito, todo o alumnado e profesorado participante acudiu á aldea de Remesar en compaña da nai dun alumno que viviu na aldea, para coñecela e darlle por unhas horas a vida que tivo noutros tempos, unha xornada que se completou cun xantar campestre.

Sen dúbida, esta experiencia quedou marcada na memoria destes alumnos/as de Rodeiro, que aprenderon a valorar máis a riqueza paisaxística e patrimonial do seu contorno, a reflexionar sobre a perda cultural que supón a sangría demográfica do rural e, quizais tamén, a cuestionar que sexa un fenómeno irreversible.