Camiñas:«Levamos no programa contar cun centro de día e a reforma do SAF»

R. R. LALÍN / LA VOZ

RODEIRO

Os socialistas preséntanse cunha formación unida coa que querer obter resultados históricos

23 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Gandeiro de profesión, José Luis Camiñas, (Faílde, 45 años), foi concelleiro do PSOE desde o 2007 ao 2015 e agora regresa, esta vez como cabeza de lista.

—Valore a situación política

—Enfrontámonos a un PP desgastado cunha nula xestión do actual equipo de goberno e pola contra o equipo do PSOE chegamos a estas eleccións cunha formación sen fisuras, unida de novo e con máis forza que nunca para reverter a situación de abandono na que se atopa o concello.

—Cal é obxectivo para o 28M?

—Gañar este partido. Cremos que este 28M o PSOE pode acadar uns resultados históricos.

—Que destacaría da lista?

—Cremos que é un reflexo da unidade do partido, que integra a persoas con formación, que traballan en distintos ámbitos profesionais e que acolle a persoas de curta idade e persoas con máis experiencia. Creo que fixemos o cóctel perfecto.

—Ve factible medrar en edís?

—Sen dúbida, é evidente que os anteriores resultwados non foron os mellores da nosa formación, algo que vai facer que sexa fácil melloralos, pero non basta con melloralos, a nosa meta é levar ao PSOE ós mellores resultados da historia.

—Que aspiracións teñen?

—A nosa aspiración é gañar este partido e logo tentar de gobernar en solitario. Vimos para quedarnos e traballaremos arreo para mellorar o noso pobo, como veciños de Rodeiro non podemos permitir deixar morrer o noso concello.

—Pactaría con algún grupo para formar parte dun goberno?

— O único pacto que teño en mente é cos veciños de Rodeiro.

—Puntos do programa?

—O desenvolvemento dun polígono industrial, contar cun centro de día e facer unha reforma da axuda a domicilio para que se preste un bo servizo. Mellorar as estradas no rural, que é unha vergoña no estado no que se atopa a practica totalidade. O desenvolvemento do PXOM para que Rodeiro avance en vivenda, algo imprescindible para asentar poboación. Rodeiro é o concello da zona con máis PIB, grazas o traballo das súas xentes a e xente emprendedora e innovadora coa que conta o noso pobo, e seguiremos apostando para que isto sega sendo así.