Raúl Hinojosa, que coñeceu a asociación Recycling polas redes, viaxou ata a capital comarcal a pasada fin de semana
24 mar 2026 . Actualizado a las 11:31 h.Máis de mil quilómetros percorreu Raúl Hinojosa, veciño de Tolosa (Guipúzcoa), para facer entrega de bicicletas e material de reposto en Lalín á asociación Recycling Bicicletas Solidarias. A entrega recibiuna con enorme agradecemento José Luis Pereira «Seixo»; «non é moi habitual facer unha viaxe de 1.400 quilómetros para realizar unha doazón coma esta», puntualiza. Bicicletas e material de recambio caro e de calidade foi o que achegou o tolosano ao colectivo. «Foron fundamentalmente cámaras para as bicicletas, llantas, pedaletas, e cambios completos de bicis que poden custar uns 50 euros, e trouxo uns dez ou doce, e tamén unhas catro bicicletas. Todo de maneira xenerosa, voluntaria e desinteresada», comenta Seixo.
Unha iniciativa que non deixa aínda de sorprender a Pereira polo xeito en que se materializou despois de que o veciño de Tolosa soubese da existencia e funcionamento de Recycling polas redes. «Buscou en Google que asociacións operaban en Galicia na recollida de bicicletas, e a primeira que atopou foi Recycling. Púxose en contacto con nós, contounos que amaña bicicletas nas horas de lecer e que colabora con asociacións na entrega de materiais, que tiña nese momento un estocaxe e que estaba disposto a facer entrega do mesmo», relata Seixo.
Unha persoa solidaria
Unhas conversas que acabaron materializándose no desprazamento de Raúl Hinojosa ata Lalín desde a súa residencia de Tolosa, no País Vasco. «Unha persoa solidaria de verdade e moi simpático, que preparou a viaxe nunha semana e que a fixo en dúas etapas. Desde logo que é moi meritorio facer isto e pagarse do seu peto todo o seu desprazamento, aínda que o convidei a xantar cando chegou a Lalín, faltaba máis, despois do esforzo que fixo para transportar el mesmo todo o material ata aquí xunto coas bicis».
Unha doazón que para Recycling é máis que un xesto de enorme solidaridade, «é saber que seguen e valoran o noso traballo máis alá da comarca ou de Galicia, que tamén é de salientar e de agradecer que viñeron recentemente desde Negreira a traernos bicicletas, pero non se fai a miúdo desde o País Vasco». Para os responsables da asociación lalinense esta recente acción apórtalles folgos renovados para continuar traballando, coas miras postas nun novo punto de recollida de bicis usadas que se instalará en breve na Coruña, e pensar nunha nova expedición ao Sáhara para a que xa se están recollendo balóns e material escolar, e «para a que será preciso mercar un camión. Non sabemos aínda o xeito de financialo, pero xa veremos... O que sabemos é que o tecido social lalinense é brutal, e supera posiblemente a calquera das cidades galegas».