Hoxe, 8 de marzo, as mulleres de Deza, xunto coas compañeiras de Amigas da Terra e mais de Mulleres Bravas, saímos á rúa por nós, polas que estiveron antes, polas que non están e polas que virán. Resulta moi difícil plasmar nun só papel as razóns que nos levan a estar hoxe aquí, e o que imos ler tan só é un esbozo, un esquelete, o fío dun nobelo, dunha situación desigualitaria que, por desgraza, é estrutural e universal, que pervive e que persiste, e que nos implica a moitas mulleres, mulleres diversas, de orixes distintas. Este manifesto vai por todas vós, por todas nós.
Estamos hoxe aquí porque ser muller segue a significar máis obstáculos, máis silencios, máis cargas e máis precariedade laboral, e isto increméntase sendo muller no rural, muller de orixe extracomunitaria ou muller disidente.
Hoxe, por un lado, reivindicamos unha vida digna para as mulleres do rural quen, como sabemos, son as que, na súa maioría, exercen de coidadoras nos fogares que conforman: con medios de transporte que garantan o acceso ó centro de saúde, á farmacia e ó supermercado; cun reparto xusto dos coidados, das tarefas da casa e do traballo invisible nas pequenas explotacións; coa independencia económica necesaria para non estar supeditada a ningún home; coa súa participación real na representación das parroquias e nas decisións veciñais; co dereito a xestionar as súas propias pensións e bens; coa superación da brecha dixital que as deixa atrás e coa denuncia de todas as estruturas, tamén as relixiosas, que perpetúan o machismo. Porque sen igualdade real no día a día das nosas aldeas, non hai xustiza nin futuro.
Son os coidados e as redes de apoio as que nos manteñen en pé cando todo treme. O sistema patriarcal fixo moi ben o seu traballo ó invisibilizar os coidados, relegándoos ó ámbito privado e cargándoos sobre os nosos ombreiros, para manternos a nós fóra da vida pública; así como lanzarnos unha e outra vez a mensaxe de que as mulleres somos as nosas peores inimigas. Pero sabémolo ben: sen o noso tempo sostendo a vida, o mundo para. Se nós paramos, nada funciona. Sen as amigas, non teriamos esas redes de apoio onde o amor é a principal premisa. Por todo isto, hoxe lembramos a quen sostivo o mundo antes ca nós. As nosas devanceiras! Que vexan como, grazas a elas e á súa resistencia, hoxe estamos aquí para loitar a berros polos dereitos que elas non tiveron. Nun mundo que nos quere illadas, caladas e competindo, a nosa maior revolución é querernos. A nosa maior vitoria son as nosas amigas.
Por outro lado, tamén pedimos xustiza para as traballadoras do SAF, mulleres que coidan as nosas maiores, as nosas dependentes, as nosas veciñas. Mulleres imprescindibles que sosteñen a vida cada día e que, con todo, sofren precariedade, contratos inestables, salarios insuficientes e unha sobrecarga física e emocional brutal. Non pode ser que quen coida sexa explotada. Non pode ser que o coidado siga sendo invisible e infravalorado.
Esiximos condicións dignas, respecto e recoñecemento real para as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar.
Queremos tamén visibilizar a situación das mulleres maiores de 50 anos, expulsadas ou invisibilizadas nun mercado laboral que lles pecha as portas pola idade e por ser mulleres. Persoas con experiencia, coñecementos e capacidade que atopan contratos precarios, traballos mal pagados ou directamente o silencio como resposta. Moitas cargaron durante anos cos coidados da familia e, cando queren ou precisan incorporarse ao emprego remunerado, son penalizadas por esa mesma dedicación. A dobre discriminación —por ser mulleres e por ser maiores— condénaas á dependencia económica e á incerteza, perpetuando desigualdades que este 8M esiximos erradicar con políticas reais de emprego, formación e protección social.
Debemos ser moi conscientes das nosas conexións, desde as precariedades diversas que nos fan únicas pero que nos lembran a interseccionalidade das desigualdades. Necesitamos non perder de vista que non hai unha soa discriminación afectando as vidas das mulleres, e que cando conflúen circunstancias como vivir no rural, traballar no SAF, ser migrante, vivir coa ameaza de que reabran unha mina no lugar onde habitas coa túa familia, ou saírnos da norma cando amamos a alguén, as discriminacións multiplican as vulnerabilidade e as violencias que nos atravesan. Por iso, as loitas colectivas deben abrazar estas diversidades e acoller a todas. E nese camiño imos avanzando desde os feminismos, e desde o ecofeminismo. Hoxe falamos desde Lalín, pero tamén desde Honduras.
Compañeras, os acompañamos hoy en esta marcha del 8M porque el 8M es de todas. En Honduras y en Lalín, nuestras luchas se unen como mujeres. Somos Maidra y Esther y venimos de un lugar donde las violencias nos atraviesan de una forma bien visible cada día. Estamos amenazadas por defender la vida. Amenazadas por un sistema, el capitalismo, y amenazadas por personas con poder que quieren que el miedo se instale en nosotras y en nuestras familias. Pero estamos aquí en un día de encuentro, de esperanza y de lucha colectiva. Alzamos la voz frente al miedo. Y seguiremos defendiendo la vida, la vida de otras mujeres, de nuestros territorios y la nuestra, porque la vida es esto también: unirnos, luchar, y pensar en ese futuro donde todas tenemos derecho a ser libres.
Hoxe é un día de mobilización global fronte as desigualdades e as violencias machistas. É unha data que nace grazas ás mobilizacións colectivas de mulleres traballadoras, obreiras, que puxeron os seus corpos en risco porque estaban fartas de traballar en contextos precarizados. Que o capitalismo non nos faga esquecer esta orixe do 8M. E que viva o 8 de marzo, día das mulleres. Polos nosos corpos, pola terra e pola vida, 8 de marzo. Fronte ó medo, ó fascismo e ás violencias... Loitemos! Sementemos resistencia feminista!.