Hai que respectar aos veciños

Rafael Cuíña

LALÍN

06 mar 2026 . Actualizado a las 21:55 h.

Levan moitos veciños e veciñas de Lalín soportando na contorna do campo da feira vello —cando non máis alá— demasiadas fins de semana de ruídos por riba do permisible, incluso en noites que teñen madrugadas seguintes nas que teñen que ir a traballar, ou os meniños aos colexios, case sen poder durmir.

Lalín precisa de actividades de ocio promovidas dende as Institucións públicas ou dende asociacións privadas, mais ten que existir un equilibrio co dereito ao descanso. Morfeo fuxe de Lalín as fins de semana, porque os decibelios das distintas actuacións soan como as trompetas de Xericó, anunciando un akelarre de insomnio crónico, que comeza a pasar factura na saúde... e na paciencia.

Hai días Compromiso por Lalín anunciou que imos levar a proposta dun regulamento para o próximo Pleno, en canto a horarios e decibelios nas actuacións. Entendemos que teñen que existir excepcións como nas festas das Dores, ou na propia Feira do Cocido, mais o uso e abuso vivido no que levamos de ano, fai necesario tomar medidas drásticas ao respecto. Hoxe leo que o Alcalde súmase aos nosos argumento na mesma liña, e iso é boa noticia. O que me sorprende un tanto é que as medidas non se teñan tomado antes, e que non nos deamos conta que parte da culpa da situación é da ausencia de Policía Local por falta de efectivos que non ten visos de solución inminente.

Tamén é xusto dicir que se o Concello facilita un espazo público para actividades, os que o utilizan teñen que ter un mínimo de responsabilidade. Non foi o caso ultimamente, e iso é abertamente censurable por parte da sociedade lalinense. Son o autor intelectual da carpa do cocido, para ben... e para mal... a intención sempre foi que se utilizase para ordenar e poñer en valor unha feira que en 2015 era un caos organizativo no que se refire aos postos, mais debe ter un límite de instalación que non afecte tanto aos negocios da zona, por permanecer moito máis tempo do necesario.

Isto non pretende ser unha crítica destrutiva ao grupo de goberno, senón todo o contrario. Entendo que a todo Goberno lle gusta que haxa actividades para os veciños e veciña, mais do equilibrio entre o ocio e o descanso, seguro que sacamos como resultante algo mellor que o cabreo (permítaseme a expresión) actual de todas e todos.

Ou non?.