Lalín reestrutura Servizos Sociais para mellorar a xestión

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

MARCOS MÍGUEZ

Tres zonas de atención e unha plataforma, entre as novidades

25 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Lalín mantén a exposición pública o documento de acompañamento á Relación de Postos de Traballo (RPT) coas modificacións dos postos que se levarán a cabo no departamento de Servizos Sociais, para as que se poden presentar alegacións ata o 30 deste mes de xaneiro, e coas que se pretende «mellorar e xestionar de maneira máis óptima dita área», segundo avanzou o concelleiro desta área, Avelino Souto, nunha entrevista en Radio Voz.

Unhas modificacións nos postos dos traballadores do departamento que conlevarán unha ampla reestruturación de funcións e tamén de zonas de atención, que pasarán das dúas actuais ás tres, «e que para a súa adecuación nos obrigará a pechar un par de días o servizo, pero aínda sen data xa que a reorganización do departamento non comezará ata que se resolvan as posibles alegacións ás modificacións propostas, que seguramente haberá», comentou Souto. O profundo cambio que pretende implementar no departamento Souto afectará tamén ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que sufrirá modificacións reorganizativas ademais de crear unha plataforma para atención á cidadanía e diversos colectivos, «e haberá así mesmo novidades no que se refire ao funcionamento do Desván Municipal. Serán cambios que se irán materializarán nun futuro, e que daremos a coñecer non moi tarde».

Acordo polo SAF

Recoñeceu Avelino Souto que no momento en que se fixo cargo do departamento, substituíndo á concelleira Carmen Canda, comezou por atender o máis urxente e «agora estou co importante, que é todo isto, entendendo que suporá unha mellor atención e prestación aos veciños». Satisfeito amosouse tamén polo acordo establecido entre Xunta e Fegamp para o SAF ao supoñer «un balón de osíxeno para os concellos á hora de prestar o servizo, un dos máis importantes que temos, que é fundamental pero que se incrementou ata cifras difíciles de afrontar».

Asentou Avelino Souto a súa afirmación na adxudicación do servizo sete anos atrás en 700.000 euros fronte aos 2 millóns de euros actuais. «A Xunta veu a problemática dos concellos e asinou coa Fegamp o acordo, que preside o PSOE; para que se vexa que non todo é confrontación política, e iso nos permitirá aforrar 500.000 euros anuais cando cheguemos á aportación de 18 euros», apuntou.

O acordo acadado recentemente supón un incremento de 4 euros por hora no servizo para este ano, pasando dos 12 euros aos 16, e o incremento dun euro máis nas anualidades do 2027 e do 2028. Para o Concello de Lalín, que presta na actualidade máis de 70.000 horas anuais de SAF, «é un enorme respiro, pero seguimos pedindo responsabilidade ao Goberno central para que compense a súa parte».