Cynthia Abeledo, artesá que fai xoais con cerralla: «Doulle elegancia a elementos como as porcas, unhas pezas anódinas»
LALÍN
A pandemia cambiou a vida de moitas persoas, tamén a desta lalinense en Mallorca
27 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Feira da Arte, que se estrou por primeira vez en Lalín con motivo das festas das Dores, contou cunha interesante participación de artistas locais. Un escaparate para veciños e público visitante no que se puido ver - e mesmo mercar- propostas creativas de artistas coñecidos, pero tamén dun grupo integrado por xente máis nova que vén pisando forte. A artesá Cynthia Abeledo Fernández, coa novidosa proposta de xoias elaboradas con porcas e arandelas, foi unha das participantes. Compartiu espazo co seu pai José Luis Abeledo, Bibí.
—O seu proxecto artesán, Tuerqueen, a raíña das porcas, cando veu a luz?
—Empezou na pandemia, con moito tempo libre e nada que facer, entón ocorréuseme a idea de facer unha pulseira cunhas poucas pezas que tiña pola casa. Así foi como naceu este proxecto de Tuerqueen.
—Procedía do mundo da arte?
—Para nada. Era xefa de sala no Béns d'Avall, un restaurante de Sóller que ten unha estrela Michelín, pero decido deixar a hostalaría por temas persoais, comezo a traballar nunha oficina que tampouco era o que me gustaba e comezo a crear xoias.
—Usa elementos usados como porcas ou arandelas, por que?
—Creo que por meu pai. El tamén lle dá unha segunda vida ás cousas, e gústame o que fai... Pensei entón en copiar a idea de recuperar pequenas pezas... Doulle elegancia a elementos como as porcas, que son unhas pezas totalmente anódinas, e que pasan a converterse en pulseiras, colares ou pendentes.
—Creacións xurdidas da imaxinación e de xeito totalmente autodidacta?
—Absolutamente. Nunca fixera nada disto. Aprendín a usar as ferramentas precisas para fabricar as xoias, pero non corto nin fago ningunha soldadura nas pezas. E tiven a sorte ao comezo deste proxecto, de atopar en dous talleres dun amigo, unha morea de pezas que me permitiron facer moitas cousas. Agora xa non reciclo pezas, unicamente se é algo que busco en particular, senón que xa as merco directamente. Teño un provedor de inox galego cunha súper calidade, con porcas de latón a bo prezo que non é doado atopar xa que custan normalmente o dobre que o aceiro inoxidable. Todas as pezas que elaboro son hipoalerxénicas, e tamén teño que dicir que algunhas persoas que me coñecen e saben ao que me dedico, cando atopan un elemento interesante ou raro non dubidan en regalarmo. Estoulles moi agradecida, ao igual que a miña nai e irmá que me motivan e me empuxan neste proxecto.
—Ten unha única liña creativa ou varias?
—Actualmente en Tuerqueen poden atopar dúas liñas creativas: unha enteiramente propia, e unha segunda a través de pezas usadas pero que son modelos únicos.
—Como xurdiu a súa participación na feira lalinense?
—Por unha chamada de Paío (Damián Payo) que me comentou a intención de facer esta feira por primeira vez. Pareceume interesante, e accedín a vir despois de estar en varios festivais. Foi unha experiencia moi interesante, a verdade, e estar nun mesmo espazo co meu pai foi moi bonito.
—Os resultados foron os esperados ao ser a primeira edición?
—Foi positivo. As pezas chamaron a atención do público, e moitas persoas decatábanse despois que estaban feitas con porcas ou arandelas. Vistas de lonxe semella que son de prata, pero a realidade é que se trata de xoiería de cerralla. Habitualmente para que non se preste a confusións, adoito colocar carteis explicando o que uso na súa elaboración, que son fundamentalmente as porcas de tamaños diferentes.
«Son unha viaxeira incansable e unha nómade, pero inmensamente feliz co que fago»
Cynthia dedicou máis de dúas décadas á hostalaría. Centos de horas en sala pendente dos comensais, pero con tempo tamén para planificar viaxes: a súa gran paixón. Na súa bagaxe están polo menos unha vintena de países visitados nos últimos anos; todo o sudeste asiático a excepción de Indonesia, Sudáfrica... «Traballaba moito pero tamén aforraba (ri), e iso permitiume coñecer moitas culturas diferentes e lugares marabillosos. Sempre fun viaxeira incansable, unha nómade, pero inmensamente feliz co que fago. Estiven en Guatemala, Honduras, Cuba, Colombia, Brasil, Arxentina, Bolivia, Perú, México, Paraguai, Tailandia, Filipinas, Camboia... Por Sudáfrica viaxei soa en coche 3 meses, unha experiencia fantástica», dixo.
A participación de Cynthia en festivais para dar a coñecer o seu traballo non lle permite agora mesmo tanto desprazamento aínda que segue movéndose entre Mallorca, onde vive, Galicia e Portugal. «Foi un verán intenso con paradas en festivais galegos e portugueses. Cheguei ata o Algarve no meu Fiat Punto cargado ata os topes (ri), pero moi feliz dos meses vividos». Declaracións desta xoieira de cerralla, como lle gusta definirse, que me fai antes de volver a Mallorca onde ten previsto centrarse en crear novas pezas, e comezar un máster de inglés en Vic a onde se desprazará un día á semana para a clase presencial. «Iso significa que a Galicia volverei, con toda probabilidade, no próximo verán para seguir cos festivais que se celebren na comunidade». Ata entón os interesados nalgunhas pezas de Tuerqueen poden atopar os seus traballos en Instagram, «desde pendentes dos que non repito deseño ata colares e pulseiras, pezas todas elas que probo persoalmente antes de poñelas á venda, e no que prima a calidade do produto».