A recente reorganización das farmacias de garda en Lalín coa incorporación das de Goiás e Donramiro está a causar certo malestar nalgúns veciños, os cales aseguran atopar dificultades para adquirir os seus medicamentos nas noites en que algunha destas farmacias atópase de garda.
A distancia entre o Punto de Atención Continuada (PAC) de Lalín e as boticas é o principal inconveniente que manifestan os veciños descontentos, especialmente cando a que está de garda é a de Goiás, situada a máis de dous quilómetros. Un traxecto para o que é indispensable dispoñer dalgún vehículo, o que supón un problema para aqueles que vivan sós e non teñen coche. «Debe haber unha farmacia de garda sempre no casco urbano de Lalín. Eu por exemplo quedei sen medicación con moita dor, non podo ir andando ás farmacias», sostén unha veciña.
Taxis
Por outra banda, tamén poñen o foco nas dificultades para conseguir contactar cos taxis que se atopan de garda dende o PAC lalinense, solicitando que os números de teléfono estean presentes no centro de saúde.
Segundo a información que ofrece o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra na súa web, a farmacia de Goiás estivo de garda pola noite ata o venres. Porén, para a vindeira semana e durante esta fin de semana nin esta nin a de Donramiro ofertarán esta atención, que será efectuada por varias farmacias do casco urbano.