Noelia Batán Gil: «O rural claro que ten futuro, e os mozos imos contribuír a iso»
LALÍN
Cursa o ciclo superior en gandería á par de traballar nunha granxa en Santa Comba
20 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O profundo interese da lalinense Noelia Batán Gil polo sector primario vénlle da nenez, a pesar de que na súa casa non houbo vacas pero sí na do tío da súa nai. Por iso quería estudar veterinaria, pero finalmente das conversas con dous exalumnos de Fonteboa; lalinenses coma ela, levárona a Coristanco a estudar no Centro de Promoción Rural, traballar nunha granxa e estar pensando en incorporarse á actividade agraria.
—De Lalín a Coristanco. Como arrancou este traxecto académico e laboral?
—Hai que dicir que nas fins de semana e vacacións do colexio sempre ía para a casa dos tíos. Eles tiñan, e teñen vacas, e sempre me gustaron. Cando rematei o instituto quería ser veterinaria pero Avelino Souto e José Silva, ambos veciños, faláronme de Fonteboa (Centro de Promoción Rural) e entrei. Fixen o ciclo medio de produción agropecuaria, e agora estou no primeiro ano do superior en gandería e asistencia en sanidade animal. Gústame moito o que estou estudando, e xa penso en incorporarme á actividade agraria unha vez que remate, aínda que ninguén da miña casa se dedica a isto e os meus avós tampouco pero sempre me gustaron os animais, e os cabalos moi especialmente; de feito teño un (comenta entre risas).
—Como acolleron na casa esa decisión?
—Ao principio gustar, gustar moito... pois non. É certo que miña nai sabía o que había, que me gustaba isto, e finalmente a familia axudoume en todo e nunca me prohibiu estudar e dedicarme a isto.
—Fonteboa ten unha alta matrícula de alumnas?
—No ciclo superior somos 25 alumnos, e a maioría mulleres, pero no ciclo medio de produción agropecuaria eramos só 4 mulleres e o resto do alumnado, uns 25 tamén, homes. Neste superior hai moito interese por parte de moitas mozas ao tratarse a asistencia en sanidade animal.
—Dezanove anos e compaxinando estudos e traballo, dende cando?
—Pois levo un ano traballando nesta granxa en Santa Comba, fíxoo o pasado día 17 deste mesmo mes (ri). E moi contenta, a verdade! Na explotación agraria hai 90 vacas en muxido.
—Como se encaixa estudo e traballo?
—Poñendo moito esforzo, e planificando ben as cousas. É certo que está sendo máis duro xa que cando estaba no ciclo medio só traballaba pola tarde, e agora estou todo o día na granxa. Estou de maneira semipresencial, pero fago todo o posible para sacar adiante o curso e cumprir co traballo na granxa.
—Tarefas que facer supoño que non faltarán ao longo do día.
—Sempre hai que facer nunha granxa. Eu basicamente reparto o traballo facendo un pouco de todo; dende muxir, atender a recría, reproducións, facer camas... Entre os donos da explotación e máis eu, que son a única empregada, atendemos os 90 animais.
—Falamos dun rural cada vez máis despoboado, de falta de relevo xeracional pero ollamos unha fornada de mozos dispostos a apostar polo sector primario. O rural entón ten futuro?
—O rural claro que ten futuro, e os mozos imos contribuír a iso. Existe interese por incorporarse á actividade agraria, a traballar en granxas ou montar unha propia. Os tempos mudaron e na actualidade, grazas á tecnoloxía, xa non é un traballo tan escravo como o era antes.
—Pero respiros, dise que, poucos. Os animais precisan ser atendidos os 365 días do ano.
—É certo pero existen servizos de substitución para poder coller uns días se o necesitas, e a maquinaria que facilita moito a vida na granxa.
«Este traballo é o máis bonito do mundo, e o trato directo cos animais é o mellorciño»
Firme defensora do rural e do sector primario, Noelia lembra con nostalxia os días pasados na explotación dos tíos Sara e Suso, co seu primo José en Soutolongo sendo unha rapaza, a onde segue acudindo cando vén a Lalín. Alí lembra sacar «esterco das cortes e limpalas moitas veces, e sen maquinaria de ningún tipo, e non pasou nada», afirma con rotundidade. Así a quenes se afastan do rural e se queixan dos cheiros do esterco, das granxas e dos animais, mándalle unha menxase: «nós tamén cheiramos se non nos lavamos, e este é o traballo máis bonito de todos, e se non fose polo sector primario non se comería».
Noelia Batán aproveita a conversa para animar aos mozos a apostar polo rural, a facer aí a súa vida; «ogallá fósemos moitos máis os que temos claro que queremos seguir vivindo nas aldeas para que non morran, pero o movemento vai medrando aínda que me gustaría que non fose tan lento como o está sendo», comenta. É consciente, iso sí, que as micro explotacións están condenadas a desaparecer do rural galego. «As granxas pequenas non van quedar en pé, só as grandes. Ter vinte vacas actualmente non é rendible, e contar con cincuenta é xusto. Penso que para sacarlle rendibilidade a unha explotación ten que ter de oitenta animais para arriba».
Posiblemente Noelia Batán Gil sexa a primeira moza de Lalín que cursa estudos en Fonteboa, indica dende Santa Comba, «mulleres doutros puntos da comarca pasaron polo centro de Coristanco pero penso que de Lalín son a primeira, e espero que non sexa a última e que veñan moitas máis detrás. Xa dixen que este traballo é o máis bonito do mundo, que o trato directo cos animais é o mellorciño; é o que máis me gusta, á marxe de andar coa maquinaria que me encanta» (ri).