Zubiri coa Banda de Lalín, un espectáculo do máis concorrido

La Voz

LALÍN

28 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O nivel das formacións bandísticas da zona é incuestionable e reflectiuse perfectamente nas pasadas festas patronais de Lalín, con decenas de incondicionais asistindo aos concertos celebrados na Praza da Igrexa nos que actuaron as bandas A Lira de Prado, Vilatuxe e Muimenta. Á de Lalín tocoulle volver ao escenario do ano pasado ano: a estatua de Loriga, nunha xornada dominical na que despois da procesión ofreceu o seu tradicional concerto antes de dar paso ao espectáculo que protagonizou xunto ao artista invidente Serafín Zubiri. Aínda onte o presidente da Banda de Lalín, Antón Batán, estaba asimilando o éxito obtido. «Posiblemente foi o espectáculo máis concorrido de todos os que fixemos ata a data. Colocáronse 600 cadeiras, que non chegaron a nada, ao estar o público ateigando a praza, o parque e a rúa... Posiblemente se chegara ás dúas mil persoas», comentou con satisfacción en Radio Voz.

Batán agradeceu a implicación dos asistentes no espectáculo, onde Zubiri interpretou preto dunha vintena de temas de Nino Bravo con motivo dos cincuenta anos do seu pasamento, «que en todo momento cantaba as cancións, e Zubiri díxonos que marchaba encantado co público de Lalín». Ábreselle á formación un novo reto: preparar un novo espectáculo que supere o volume de asistencia do pasado domingo.