Nós despídese dos escenarios interpretando temas do seu disco

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

LALÍN

rober amado

O grupo lalinense actuará este domingo na Praza da Igrexa

11 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O grupo lalinense Nós formado por Sandra Fondevila, Diego Sieiro e Benxamín Otero ofrecerá este domingo, a partir das 13.00 horas na Praza da Igrexa de Lalín, e dentro dos actos do Merca Delicadeza, o seu último concerto despois de seis anos de actividade musical conxunta. A formación, que veu a luz no ano 2017, anuncia a que será a súa última actuación en conxunto. Detrás desta decisión está o comezo de novos proxectos e retos profesionais dos tres membros de Nós; «pero iso non significa que nalgún momento non decidamos volver xa que mantemos unha fonda amizade e harmonía», explica a voz feminina do grupo Sandra Fondevila que, con anterioridade e xunto a Diego Sieiro formaban a coñecida Banda da Tasca.

Temas versionados foi o primeiro que interpretou Nós antes de dar un xiro ás súas interpretacións musicais e comezar con cancións propias. «O que sempre buscamos foi pasalo ben coa música, e penso que o conseguimos. Primeiro fixémolo con versións e logo nos animaron a facer temas propios e así o fomos facendo, e penso que non tan mal», segundo lembra Sandra. Con máis dunha vintena de actuacións ás costas, Nós levou as súas cancións ata o Courel e por distintos lugares da contorna; «alí onde nos convidaban por suposto que íamos. O último concerto que fixemos foi o ano pasado no Noceda Rock, que se celebrou nesa parroquia lalinense», constata Fondevila. Na lembranza colectiva están as actuacións de Nós levadas a cabo dentro do programa Centro da Vila do ano 2018, na programación da Algarabía de Lalín do ano 2019, a asistencia ao programa De festa en festa porque presta, organizado polo concello lalinense en xullo do 2020, no Lalín Diverso ou dentro do cartaz Lembranzas en Seoane do Courel.

Magnífica ocasión a que se presenta este domingo para ver a Sieiro, Otero e Fondevila de novo sobre o escenario dentro da programación da primeira feira de artesanía alimentaria de Lalín, Merca Delicadeza, nunha cita musical na que interpretarán cancións do seu disco. «A intención é cantalas todas, e a maiores dúas que naceron durante a pandemia». Unha próxima actuación que é moi especial para os tres integrantes do grupo ao ser a última interpretación en conxunto polo menos, de momento. «Cantar as cancións todas do noso disco titulado Son da terra, que é coma o noso fillo, será moi emocionante polo que recomendamos á xente que non se perda o concerto», comenta Sandra. Un traballo discográfico, o único que sacou a banda, que veu a luz o día das Letras Galegas, o 17 de maio do ano 2019.

A formación musical lémbralle aos que asistan ao concerto dominical que terán tamén a oportunidade de mercar exemplares do disco do grupo. «Contamos con algúns exemplares e aproveitaremos para telos alí por se algunha persoa está interesada en facerse con algún exemplar», explica Sandra.