Un parking de todos?

Rafael Cuíña

LALÍN

16 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando tomei a decisión política de mercar o chamado «parking Europa, ou Aldea Grande», era plenamente consciente que entrañaba riscos políticos, ao ser un investimento millonario que non todos entenderían. A pesares diso, en unha negociación penso que exemplar coa empresa propietaria, chegamos a un moi bo acordo coa compra, para beneficiar ao comercio e á hostalaría de Lalín, e tamén como non, ao conxunto de veciñas e veciños.

Un parking que estaba esnaquizado por dentro, como se fose unha rúa do Beirut en guerra, e con sentencias por infraccións urbanísticas, que tiveron como consecuencia ter que pagar un millón de euros dos impostos dos lalinenses como sanción, cuestión pola que no seu momento non dimitiu ninguén.

Posteriormente abriuse o parking, e tomamos a decisión de poñelo de balde en horario laboral, para beneficiar aos diferentes sectores económicos da Vila, e tamén para poder sacar os vehículos do centro, facilitando peonalizacións nas que sigo crendo firmemente. Escoitamos ruído de algúns, que agora están calados, cando se pechaban as rúas as fins de semana, como se aquilo fose a ser a fin de rúas que comercialmente teñen xa dende tempos inmemoriais dificultades. Conseguimos facer un ambicioso proxecto para as rúas Principal e Loriga, que o PP devaluou cambiando diferentes elementos, teoricamente para «aforrar»... o mesmo PP que acaba de gastar 90.000 euros en orquestras... e agora seguen pechadas as mesmas rúas as fins de semana, co curioso —ou non tanto— silencio dos que meses antes bramaban contra a medida.

Chegouse a un acordo coa AED e ampliouse a gratuidade ás fins de semana, mais o PP, o mesmo que tiña durante anos o parking pechado e esnaquizado, prometeu facelo de balde as 24 horas. A consecuencia é que na planta baixa, que é a que tiña que ter máis rotación de automóbiles, o 49 % das prazas están reservadas, e polo tanto en numerosas ocasións é imposible aparcar, hai escritos de abonados protestando porque non hai seguridade nocturna, e xa existiron roubos en vehículos, e polo tanto fondo malestar, e o que tiña que ser un servizo público para axudar a comercio e hostalaría, a día de hoxe é un parking presuntamente público, para que teñan alí reservados, vehículos privados. Exactamente o espírito contrario para o que tomei a decisión de mercalo. E todo isto porque o actual goberno de Lalín vive na permanente improvisación, que sempre rematan pagando os veciños.

Ou non?.