Radio Voz Lalín aposta na nova tempada pola proximidade

La Voz LALÍN / LA VOZ

LALÍN

La orquesta París de Noia
La orquesta París de Noia MARCOS CREO

O programa local, de 12.00 a 14.00, terá numerosas seccións de interese

05 sep 2022 . Actualizado a las 23:22 h.

Radio Voz Lalín (94.8 FM) volve abrir tempada radiofónica coa súa programación local que dirixe Amelia Ferreiroa, de luns a venres, en horario de 12.00 a 14.00, con vocación de servizo ao cidadán. Nova singradura na que se manterá unha permanente aposta pola información de proximidade; polos acontecementos que se deriven da actualidade en todos os concellos da área de cobertura da emisora espallados polas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes.

Unha nova tempada na que as entrevistas políticas se manterán na programación local, con especial protagonismo neste ano electoral, polo que tanto os alcaldes como os responsables das distintas formacións políticas pasarán polos micrófonos de Radio Voz Lalín. Unha programación na que os martes, de xeito rotatorio, o alcalde lalinense, José Crespo, e o responsable do grupo municipal de Compromiso por Lalín (CxL) e xefe da oposición, Rafael Cuíña, darán conta da actualidade municipal.

A saúde, a nutrición e o benestar serán outra das grandes apostas semanais. Así os ouvintes atoparán respostas a moitas das súas inquietudes psicolóxicas da man da psicóloga lalinense, Ana García; a logopeda, Rocío Areán; resolverán dúbidas relacionadas con este campo; e María Saco fará o mesmo no apartado de pedagoxía. A nutricionista e dietista, Vanessa Taboada, será outra das colaboradoras semanais do programa local cun espazo que estará en antena todos os xoves, mentres que a información para óptimo cultivo das hortas chegará da man do silledense Rosendo Estévez. As citas culturais, musicais e de lecer contarán ao longo da semana con protagonismo, pero moi especialmente o venres na axenda de fin de semana.