Estuda, filliño, estuda

Román Rodríguez González CONSELLEIRO DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE

LALÍN

ALBERTO LÓPEZ

22 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nacín no Vento, unha aldea de Lalín onde pronto aprendín o costume de escoitar os que máis sabían. «Estuda, filliño, estuda», repetía a miña avoa Consuelo. Nesas palabras, tan interiorizadas en varias xeracións, trasladábanse moitas mensaxes: a do esforzo, a motivación, a formación, o traballo. Estudar significaba, daquela e por suposto hoxe, ter máis oportunidades e benestar.

Non perdo de vista aquel consello. A educación é un medio para a promoción persoal e o avance da sociedade. Para o individuo, máis educación supón maior desenvolvemento persoal, máis emprego e mellores perspectivas e conciencia cidadá. Como país, o ensino é a base imprescindible nun mundo cambiante, complexo, globalizado e competitivo. Saber, coñecer, ter habilidades e destrezas dá e quita opcións, e marca o futuro. Isto esixe esforzo e apoio para quen máis o precise.

Nun sistema plural como o noso conflúen diferentes ideas e formas de ver o mundo. Pero o que importa son os resultados, algo que se consegue con empeño individual, políticas a longo prazo e unha estabilidade libre de atallos e tensións. É un traballo compartido entre familias, profesionais, administracións e, por suposto, alumnado.

Galicia é un exemplo de como facer as cousas ben. Podemos afirmalo con franqueza. Con toda a marxe de mellora existente, temos un sistema educativo inclusivo, equitativo e de calidade. Así o proban estatísticas e informes nacionais e internacionais.

Hai diferentes modelos, é evidente. Uns apostamos máis polo esforzo, a liberdade, a motivación, a cohesión social e a igualdade de oportunidades. Isto permítenos acadar éxitos colectivos como a redución do abandono escolar á metade en só unha década ou os niveis de excelencia acreditados por PISA.

Somos unha comunidade autónoma onde a mocidade se aplica, estuda e aproba. Ocupamos o segundo posto na taxa de idoneidade. É dicir, os estudantes están no curso que lles corresponde. Estes resultados son idénticos nun colexio rural e nun urbano dentro dunha rede con máis de mil centros. Galicia funciona así como unha gran escola que blinda a garantía de equidade territorial grazas ao compromiso dos galegos e das galegas para posibilitar o seu financiamento.

Non podemos pensar que está todo feito, quédannos moitos retos. O inmediato é deixar atrás unha pandemia que lle está esixindo un sobreesforzo ao sistema para seguir cumprindo a súa función: preparar a Galicia de mañá. Non se logra nada sen traballo e perseverancia.

Se lles facemos crer o contrario aos máis novos, estarémolos enganando. E este é un luxo que non nos podemos permitir polo seu futuro, que é tamén o futuro de Galicia.