Fiuza deixa a dirección da Banda de Lalín que voltará a ocupar Marcel van Bree

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

O presidente da asociación musical abandona tamén o cargo, e o músico de Merza despedirase da afección este domingo

24 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación e a Banda de Música de Lalín concentran nestas xornadas varias novas de calado. Por unha banda o colectivo ten previsto abrir en breve un proceso electoral para nomear unha nova directiva, mentres se anuncian tamén cambios na dirección da banda.

Alejandro Piñeiro, que ocupaba a presidencia da asociación dende o ano 2014, anunciou na última asemblea a súa renuncia ao cargo coa intención de que xurdan novas aportacións e ideas por parte daqueles que tomen as rendas do colectivo. O proceso electoral abrirase, previsiblemente, en poucos días unha vez se resolva a modificación de estatutos impulsada pola asociación e que debe aprobar a Xunta de Galicia. Unha modificación de estatutos da Asociación da Banda de Lalín que contempla unha adaptación á normativa vixente e a inclusión da figura de socio artístico, que se sumará aos protectores, fundadores e honoríficos cos que xa se contaba na actualidade.

Por outra parte o Concerto de Fin de Ano, que celebrará a formación esta domingo ás 20 horas no Lalín Arena nun acto no que se entregarán tamén os premios de Lalinenses do Ano, será o último que dirixirá David Fiuza. O músico de Merza que se fixo recentemente coa praza de director da Banda de Santiago non pode compatibilizar a nivel laboral ambos postos polo que se ve na obriga de rematar o seu vencellamento coa formación lalinense despois de dous anos. A praza vacante que deixa Fiuza será ocupada polo director Marcel van Bree, que dirixiu a Banda de Lalín ata o ano 2004.

O músico holandés chegara a Galicia no 1991 para facerse cargo do Conservatorio de Música Profesional de Lalín, onde permaneceu ata 2004. Posteriormente foi director da Banda de A Coruña e ata hai poucos días da de Salcedo. Van Bree, considerado como un referente no mundo das bandas e un vello coñecido da afección lalinense, mantén un forte vínculo con Lalín e coas súas xentes. Volta para iniciar unha nova etapa, trinta anos despois de chegar a Lalín, ao fronte dunha formación na que se mantén un puñado de músicos coñecidos da súa anterior etapa pero fundamentalmente xente nova.