Por que peonís?

Rafael Cuíña

LALÍN

14 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre concibín a política como unha ferramenta necesaria para o progreso da sociedade. Seguramente a mala imaxe do que se vén chamando «caste política» actualmente, vén derivada das accións de aqueles que priman a consecución do poder a calquera prezo, en lugar de axudar a construír proxectos que preparen o teu Concello para un futuro que xa se nos está botando enriba.

As obras de remodelación das rúas Principal e Loriga foron pensadas no seu momento como a ambiciosa pretensión por parte do goberno anterior, de revitalizar unha arteria comercial céntrica en Lalín, xa dende hai demasiados anos con dificultades. Os fondos europeos EDUSI conseguidos no anterior mandato para proxectos como o destas rúas, pretendían ser un salto cualitativo e axudar a transformar un modelo comercial e vital, que marcase un antes e un despois ambicioso na zona, e dende ese punto se puidesen beneficiar de xeito radial o resto de zonas comerciais. Alugueres fóra de mercado, ou un concepto de comercio que necesita adaptarse aos tempos, son algunhas das eivas recollidas en informes de expertos, para entender o que está pasando en esas rúas.

Mentres en concellos como A Estrada, O Carballiño, Monforte ou a propia Silleda, comezan a evolucionar con zonas nas que se prioriza o peón sobre o vehículo, o goberno actual en Lalín non é capaz de ter a valentía política de aceptar en esas rúas un modelo peonil, co que foi formulado e moi ben valorado ese proxecto con fondos europeos, simplemente por unha cuestión de cálculo electoral. O vello axioma do século pasado de que «se non aparcan diante, non entran no negocio», é un concepto amplamente superado pola experiencia coñecida en outras vilas semellantes a Lalín, que por riba non teñen a posibilidade de ter 600 prazas de aparcamento de balde a minuto e medio camiñando das rúas reformadas, o que sen dúbida é unha vantaxe cualitativa con respecto a outras vilas.

Lalín precisa un centro da vila peonil, para que tanto comercio coma hostalaría poidan ser ese motor económico e social engraxado, que no caso do comercio está en este momento en serias dificultades, e... por que non dicilo... políticos que pensen máis nas necesidades da veciñanza e a súa adaptación aos novos tempos, que os que so fan do cálculo electoral o seu xeito de gobernar, porque o tempo e a experiencia demostran que iso so é fame e ruína para as xeracións vindeiras. Ou non?