Os plans de rescate da Xunta apoiaron en Lalín a máis de 700 comerciantes locais

andrea otero / r. g. LALÍN / LA VOZ

LALÍN

E CUIÑA

As axudas estaban destinadas a autónomos e microempresas

12 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe en Lalín a Zapatería Martínez, un negocio beneficiario do Bono Autónomo. Estivo acompañada polo alcalde, José Crespo; o concelleiro de Xuventude, Avelino Souto, o deputado de Pontevedra, Luís López, e a concelleira de Política Social, Paz Pérez. Este programa é unha iniciativa coa que a Xunta pretende apoiar aos autónomos e pequenas empresas galegas, contando cun orzamento de 5,5 millóns de euros. A conselleira subliñou que estas axudas dinamizan o sector do comercio na comarca e que «son unha mostra de valor dos negocios familiares e da resiliencia dos autónomos galegos e galegas».

Na súa visita, a conselleira de Emprego sinalou que a Xunta apoiou en oito meses a máis de 700 autónomos e microempresas de Lalín con axudas por valor de máis de 1,5 millóns de euros. As axudas ás que se acolleron foron os plans de rescate, cos que se está a aportar liquidez aos máis afectados polos estragos económicos do covid.

Ademais da visita á Zapatería Martínez, a conselleira de Igualdade desprazouse ata o Centro de Información á Muller, que nos seus 16 anos de labor atendeu a 845 mulleres e rexistrou máis de 5.700 consultas nas áreas de Lalín, Agolada e Rodeiro. Lorenzana puxo en valor o traballo dos centros de toda Galicia e indicou que «son unha mostra clara da colaboración que mantén a Consellería de Igualdade con todos os concellos da nosa comunidade autónoma na loita contra a violencia de xénero».

A conselleira recordou que o CIM de Lalín contará este ano cunha axuda autonómica de preto de 100.000 euros, o orzamento «máis elevado da última década». Ademais relatou que hai un total de 84 centros en toda Galicia que ofrecen servizos a 262 concellos con labores informativas, de sensibilización e de asesoramento psicolóxico e xurídico.