Fermentelos espera á Coral de Lalín

amelia ferreiroa

LALÍN

miguel souto

A agrupación viaxará a Portugal para participar o vindeiro sábado nun festival con outros dous grupos lusos

19 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

 Fermentelos, unha freguesía do concello portugués de Águeda, é o próximo destino da Coral Polifónica de Lalín. Un pobo, sito a uns dez quilómetros de Aveiro, que ven celebrando un festival de masas corais ao que está convidada a coral lalinense grazas a unha presentación: a de Mario Canteiro. «El é natural de Lalín pero leva moitos anos en Pontevedra e alí dirixe a Coral de Campañó e foi quen nos puxo en contacto co presidente do Coro Recanto de Fermentelos que é onde actuaremos», explica o presidente da coral lalinense Paco Sesto.

Un desprazamento que se materializará esta vindeira fin de semana con saída da capital dezá a primeira hora da mañán para tomar parte no festival previsto para as 21.30 horas. «Con anterioridade os organizadores xa nos prepararon un programa de visitas polo Concello de Águeda. O certo é que se están volcando moito na organización desta viaxe», matiza Sesto. No festival, no que participará tamén a Coral de Vilanova de Gaia, o Coro Recantos de Fermentelos, a Coral Polifónica de Lalín interpretará un repertorio centrado fundamentalmente en música popular galega, «para difundir a nosa cultura e a nosa música fóra do país», algunha peza en español e obras de góspel.

Unha formación coral que viaxará prácticamente ao completo a Portugal. «Serán 42 voces. Só faltarán tres ou catro coralistas que, por cuestións familiares comentaron que non poderían viaxar». A xornada dominical, na que a agrupación non ten contraídos máis compromisos de actuacións, aproveitará para realizar unha visita turística por Aveiro antes de emprender volta a Lalín pero con paradas previstas nas vilas de Póvoa de Varzim e Espinho.

Este desprazamento a Portugal non é o único que fará a Coral Polifónica de Lalín neste exercicio. Para decembro está prevista outra viaxe; esta a Ponferrada. «Levabamos xa un tempo con ganas de ir a festivais fóra da comunidade e agora presentouse a posibilidade». Unha agrupación que ten por diante un verán con algunha outra actuación prevista «pero en xeral este será un verán tranquilo, pero buscado, para evolucionar e preparar proxectos».