A Feira do Vento na memoria de Lalín

daniel gonzález alén LALÍN

LALÍN

Cedida

A cita feiral que comenzara alá polo século XVII o xoves de Pascua deixou de celebrarse nos anos setenta

06 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Anos atrás tal día coma onte celebrábase en Lalín a tradicional e multitudinaria Feira do Vento ou Feira das Mulas, unha feira anual que comezara no lugar do Vento en Bermés aló polo século XVII, para pasar logo a vila de Lalín onde iría esmorecendo deica deixar de celebrarse a medidos dos anos setenta. A feira anual especializada no gando cabalar, asnal e mular, iría esmorecendo na medida en que estes animais deixaron de ter utilidade no transporte e no traballo e o inicio da Feira do Cocido doulle o remate a finais dos anos sesenta.

Na nosa nenez a Feira do Vento era a grande feira das feiras, un día festivo no calendario lalinense cunha extraordinaria concorrencia tanto no recinto feiral onde abondaban mulas, cabalos e burros e aínda algunha facenda miúda todas caste de pos con mercadorías de todo tipo común nas feiras que entón se celebraban en Lalín os días 3, 18 e 25 de cada mes. Mais nesta feira anual, había moitas atraccións, dende randias ou barcas, tómbolas, tiros e distintos espectáculos os mais deles ao aire libre entre os que era doada a presenza do teatro de Barriga Verde e outros titiriteiros presentes en moitas festas daquela. A adiviña, a india das pócimas e remedios,o latoeiro milagreiro, o cego co violín, a sorte do paxariño e unha lexión de esmoleiros e pidepesetas en cada recanto. As tabernas fixas sumábanse ducias de postos de comer e beber, polbeiros, e vendedores de todo tipo e cousas. Os cines de Balado e Español contribuían a celebración coas mellores películas de vaqueiros, Cantinflas ou romanos que eran as que máis gustaban ao persoal. As rúas pola tarde eran un fervedoiro de xentes e logo do xantar comezaba un concorrido paseo da mocidade dos contornos e os máis animados cantaban ou xogaban a baralla deica a noite mentres os mais vellos ían para a casa atender a facenda.

Orixes e referencias antigas

Habería que comezar sinalando que a feira comezou a celebrarse no lugar de O Vento da parroquia de Bermés a beira do Camiño Real que atravesaba aquela parroquia. O topónimo figura coma O Bento nos tombos do Mosteiro de Aciveiro que dominaban a parroquia no século XVII e mencionase a Juan do Bento en 1679 e había un mesón propiedade dun tal Bento (Bieito ou Benedicto) que daría nome o lugar. En 1791 un crego da parroquia castelaniza o nome do lugar nos libros da parroquia coa denominación La casa del viento e a parir de aí comezou a figurar así nos documentos oficiais e nos mapas. Con todo non falta que sinale que o nome o lugar venlle do vento que zoaba moitas veces nestas terras chas da aba do Carrio. Sería como os topónimos de Ventosa, Mesón do Vento, Ventosela e outros que hai por Galicia adiante. Semella pois, que sería mais atinada a denominación de Feira do Bento pero se cadra agora que desapareceu esta celebración xa non ven moito a conto suscitar polémicas estériles.

A Feira do Vento debeu xurdir en Bermés a finais do século XVIII, xa que mediado ese século cando na confección do Catastro da Ensenada se lles pregunta aos veciños polas feiras non sinalan a celebración de ningunha na parroquia. Iso si, había moitos arrieiros e mesmo ferreiros e ferradores nesta parroquia atravesada por importantes camiños: «A la trigésima segunda dijeron, que en dicha feligresía Bernardo Gutiérrez que declara además del oficio de labrador, usa el de arriero con tres caballerías, con las que pasa al ribero cuatro veces al año y por ello se le regula de utilidad al año ciento cincuenta reales de vellón; José de Otero usa los mismos oficios, con tres caballerías y con ellas pasa al ribero ocho veces al año y consideran de utilidad trescientos reales de vellón; Juan Sánchez Chares, Pedro Montouto, Ignacio Rodríguez, Juan Mosquera y Antonio de Souto, también además del oficio de labrador usan el de arrieros con dos caballerías que cada uno tiene y por ello le regulan de utilidad cada uno ciento cincuenta reales de vellón» E daquela (1752) só había unha taberna no Vento na actual casa de Fondevila O Comunista de Bermés entón de Rozas: «…En esta feligresía José de Rozas tiene a su cargo el abasto de vino a cuyo fin ha fijado una taberna y con cuya renta corre Pedro de Meijome por lo que consideran de utilidad al año al principal trescientos reales de vellón y al tabernero ochenta y que no hay otra cosa alguna de lo que comprende…».

Madoz no seu Diccionario de medidos do século XVIII, cita unha Casa do Vento como xa referimos, pertencente a Santiago de Sello e di en particular do Vento: «Aldea en la provincia de Pontevedra, ayuntamiento de Lalín, situada en un dilatado llano, sobre el camino de Pontevedra a Lugo y entre las feligresías de Sello y Bermés. Tiene 2 casas y en ella se celebra una feria de ganado mular y caballar los días 4 y 5 después de Pascua, cuando los castellanos suben desde Padrón con ganados de dicha especie hacia Castilla y demás provincias meridionales».

Intentos de pechala no XIX

Nos primeiros anos do século XIX, a Administración pretendeu que cesara a Feira do Vento pola súa coincidencia nas datas e no territorio e da data de celebración da que se celebraba na Penadauga en Escuadro (Silleda), as dúas no camiño dos tratantes de Castela que viñan da famosa Feira de Pascua de Padrón, pero semella que había negocio e interese económicos dabondo para que as dúas que continuaran.

O arquiveiro do Concello de Santiago, Pablo Pérez Constanti (Notas viejas galicianas, 1925, páxina 87) alude a algunhas feiras de Deza nun apartado dedicado á feira da Pascua en Padrón: «Concluída la feria del Padrón, siguen los compradores con el mismo objeto, otras de este Reyno, y fijado el punto de la feria principal en esta ciudad, su camino recto es la Puente Ledesma, de aquí a Paxariñas (Carbia), en donde se celebra siempre el 21 de cada mes y se combina naturalmente con la primera del Viso (Lagartones-Estrada). Siguen por Carbia a las Cruces (de Besejos) en donde asimismo se celebra mensualmente el día 4, y se aprovecha en tal caso la segunda de la Casa del Viento. De esta van a Touriz, Brántega y se unen en la tercera que es Trabancas, y luego a la cuarta, famosa, de Monterroso».

O cambio de emprazamento, no XX

Non sabemos con certeza cando a Feira se trasladou a Lalín pero coidamos que debeu ser nos primeiros anos do século XX . O mestre Xesús Golmar Rodríguez, publicaba no xornal El Ideal Gallego o 15 de octubre de 1925, un artígo no que describía a vila de Lalín: «…Un pueblo joven a orillas de la carretera de Orense a Santiago que había empezado a desarrollarse hacia cincuenta años, porque hasta entonces, era un villorrio estático y adormecido a la sombra de su vieja Torre-Fortaleza, pero con la apertura de las nuevas vías de comunicación, se convirtió, en un excelente punto para el comercio, debido a las renombradas ferias de los días 3 y 18 de cada mes y a la famosa Feria do Vento, a las que acudían de Castilla a comprar el ganado caballar de fuerte corpulencia».

O noso pai Daniel González O Tío Xanete refíriunos nalgunha ocasión que a feira veu do Vento para a desaparecida Carballeira da Botica, na que en tempos recentes se construiu a área comercial Pontiñas. A carballeira situada ao pé do camiño real de Ourense a Santiago preto do Regueriño, era propiedade dos poderosos e influentes Madriñán de Campo, que viñeran de Bermés para a entón florecente vila de Lalín a medidos do século XVIII. Destes foi o médico Salvador Madriñán Teijeiro, alcalde de Lalín nos primeiros anos do século XX, polo que non sería desatinado sinalar que foron os Madriñán quenes trouxeron a Feira do Vento para Lalín, coidando que tería un mellor futuro ao pé da nova estrada de Ourense a Santiago.

A vila de Lalín que a mediados era xa capital municipal e partido xudicial contaba con «43 veciño y 215 almas», segundo Madoz, e concentraba moitos dos comercios e servizos das antigas xurisdicións de Deza e celebraba feiras mensuais os días 3 primeiramente, logo tamén o 18 e aínda mais tarde tamén por un tempo o 25, alúmenos dende o século XVII nos arredores da torre fortaleza dos Deza que meses anos era dominio dos Condes de Lemos polo que tamén era coñecida coma Feira da Torre.

No 2014, dentro da programación da festas patronais da vila organizouse unha Feira do Vento con postos de artesanía e unha exposición lembrando aquela feira e algún personaxes lalinenses de entón por iniciativa da amiga Cruz López e o seu equipo que tería continuación deica a actualidade.

Este artigo redactámolo para a súa inclusión na historia de Deza que andamos artillando. Está baseado nas informacións que nos facilitaron o amigo Armando Vázquez, nativo da parroquia de Bermés; meu irmán Suso, que insistiu coa idea de lembrar aquela feira que coñecemos cando cativos e as notas que tiñamos no noso arquivo e outras que procuramos no Catastro da Ensenada, Diccionario de Madoz e os vellos cronistas lalinenses Xesús Golmar e Francisco Vilariño. Ao carecer de fotos da feira, acadamos algunhas da feira tradicional de Lalín e doutros eventos, publicadas en Lalín cen anos en fotos I e II e un par delas de Vicente Risco.