Lois estréase no ultramaratón gañando a Titán de los Ríos

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

LALÍN

RFEC

21 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Estaba en dúbidas. Parecíame unha distancia demasiado longa e dura. Pero como o club decidíu ir, deixeime liar». E así foi como Lara Lois completaba o pasado domingo a primeira ultramaratón de BTT da súa carreira subida no máis alto do podio da Titán de los Ríos, a proba de apertura do Open de España BTT de Ultramaratón. Unha carreira de 130 quilómetros pola estremeña Serra de Montánchez que a biker grovense completou en 7 horas, 1 minuto e 40 segundos. Unha hora, 6 minutos e 9 segundos menos cá segunda clasificada, Remedios Jurado.

«Ao comezo tirei un pouquiño, e xa non me seguíu ninguén», explicaba onte Lois, que optou por «xestionar a carreira, non pasarme de ritmo e non ter ningunha pájara», ao tempo que, comenta, gozaba dunha paraxe para ela descoñecida, e que lle encantou mentres vivía unha experiencia inédita: «Foron sete horas na bici, e eu, como moito, nunca estivera máis de seis con ritmo de carreira. Non agardaba ter unhas sensacións tan boas».

Así as cousas, Lara mirará de atopar oco para a Jamón Bike do 7 de abril en Calamocha, e a Titán Villuercas en Logrosán o 20 de maio para defender o liderado, porque o que é seguro é que o 16 de setembro disputará co seu equipo, o dezao Etxol-La Gramola Team, a Lalín Bike Race, cuarta e derradeira proba do Open de España de Ultramaratón.