Lamenta situacións «moi graves» que aconteceron na política local e tamén a deriva institucional
11 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Despois de 25 anos de goberno do PP en Lalín, a José Crespo tocoulle liderar a oposición, cargo que compatibiliza co de senador. Crespo Iglesias analiza os case tres anos de mandato da coalición integrada por CxL, PSOE, APAC e BNG. Móstrase moi crítico co papel desempeñado polo de agora.
-O mandato entra na súa recta final. Dende a oposición cal é valoración do feito ata agora polo goberno?
-Creo que Lalín caeu con este goberno nunha irrelevancia institucional preocupante. Agora non ven un euro máis do que nos corresponde por lei de ningunha Administración. Pode que o feito de que o alcalde e algún socio de goberno se adiquen a inventar mensaxes de WhatsApp, como foi no caso de Cuíña, ou como o tenente alcalde de poñer a caldo ao presidente da Xunta, insultando, pode axudar nesa situación. E hai que engadir a soberbia e o autoritarismo, comportamentos tamén que a veces parecen máis infantís que outra cousa, que están a prexudicar os intereses xerais de Lalín.
-Afecta á xestión o feito de que haxa catro partidos?
-É obvio que hai indicadores que melloraron con respecto ao peor momento da crise, falo de macrocifras. Pero non grazas a este goberno catripartito de Rafael Cuíña senón a pesares de el. Nin sequera as súas falcatruadas e a pésima xestión son capaces de agochar dalgún xeito a mellora xeral en todo o país, co Goberno pilotado por Mariano Rajoy. Como Trump, Cuíña opta por empregar unha mensaxe populista, pero leva tres anos gobernando e a culpa de todo o que fan mal segue botándolla ao PP. O gran problema deste goberno e que o señor Cuíña non ten os pés na terra, nunca os tivo creo. Cando falas con el case nunca di unha verdade, ten o problema de que termina por crerse as súas propias mentiras. O goberno catripartito é negativo para os intereses do pobo de Lalín, aínda que non son obxectivo ao valorar porque son oposición, non cabe dúbida de que ten moito que mellorar e que se están xuntos non é porque teñan un proxecto común para Lalín, se non lles calan as costuras antes é polo interese que teñen todos de chegar a fin de mes e de estar no machito. Por ideoloxía teño as miñas sinceras dúbidas de que se podan casar os distintos intereses.
-Acabarán o mandato xuntos as catro forzas?
-A nosa opinión e que este cuadripartito non é que desafine, é que danos a impresión de que os seus membros nin sequera tocan a mesma partitura. Podíamos entender algunha desafinación. Todo Lalín sabe que a relación entre os socios de goberno é francamente mellorable. Cada un manda na súa parceliña pero non hai coordenación; hai gobernos que non son dun só partido pero funcionan ben pero hai un cordenador, que neste caso debería ser o señor Cuíña e non fai esta labor. Cada un anda ao seu.
-Cales son para vostede algunhas das cuestións incumpridas?
-Por exemplo, o alcalde había dito que non ía a cobrar e o tenente alcalde debe ser o mellor pagado de Galicia. Todo que dicían volveuse fume. A hora de facer, fan o contrario do que dicían. APAC non está cumprindo o seu acordo e sobre todo o que máis preocupa é que están destruíndo o que estaba feito e funcionaba ben. Ou o fan desaparecer ou o poñen a funcionar peor e iso me da folgos para estar na oposición, teño preocupación polo futuro de Lalín.
-Houbo nos últimos tempos temas de debate política, como o informe da interventora.
-O gran problema é que dende o noso punto de vista, tendo en conta que a oposición que facemos non se basea só en criticar, tamén é a nosa obriga, e en certa medida botamos unha man en temas porque sabemos de sobra a ineficacia e inoperancia que está tendo o goberno que agora mesmo temos en Lalín. Pronto se verán as xestións que estamos facendo co conselleiro de Sanidade, froito das nosas propostas. Ou o que fago en Fomento respecto a futura autovía Pontevedra-Lalín-Lugo, que por primeira vez saíu nos xornais no 2006 cando eu pactei co alcalde de Pontevedra, Fernández Lores, pedila. Dende o goberno no hai un proxecto político para Lalín, e o PP si ten un proxecto de futuro para Lalín. É ilusionante volver a aportar cousas a este pobo, ao que tanto lle debo, pero os que ían a revolucionar a política están tendo un comportamento autoritario.
-En que momento está Lalín ao respecto do resto de Galicia?
-Antes a xente do resto de Galicia miraba a Lalín con certa envexa, hoxe por desgraza miran abraiados as cousas que pasan aquí, moi graves, que nunca antes pasaron na historia da democracia. O funcionamento interno é caótico, o di a interventora, pero aínda que non o dixera chega con darse un paseo pola casa consistorial. A perda reiterada de subvencións, da Deputación, da Xunta,... O tenente de alcalde denunciado e detido por supostos acosos laborais, o caso dos mensaxes a Rueda da realidade paralela na que vive Cuíña, os reproches públicos a empresas que traballan aquí, no pleno ou nas redes sociais, reproches a calquera veciño que se atreva a discrepar ou que loa á oposición,... é o Lalín da nova política, e nos estamos como partido nas antípodas.
-O Concello rebaixou a débeda a 1,2 millóns, baixa o paro, apoio ao comercio,... Hai boa xestión en materia económica?
-Todo lles ven absolutamente dado polo que está pasando en España e Galicia, que en Lalín non é distinto. O mérito terá a Xunta e o Goberno central. Presumen de que aforran, pero non, é que non gastan porque non teñen proxecto, non saben en que. Lalín nunca tan pouco na historia proporcionalmente recebe doutras Adminstracións como nestes case tres anos. Reciben nada máis o que lles toca. No último mandato noso -en alusión ao PP- sempre había algo que vender pero eles non fixeron nada de certa relevancia en Lalín. Herdaron de nó, o transatlántico que pode ser o Concello de Lalín, que navega a unha velocidade de cruceiro e impulsamos dende as políticas do PP, con este goberno nada novo baixo o sol. Non vexo que as políticas do catripartito contribuirán a mellorar a calidade de vida dos veciños. Infraestruturas novas, que digan cal, salvo chapa e pintura.
«Non dan gastado nin o que teñen para emprego»
-Fala de falta de inversións en novas infraestruturas. Tamén nas actuais?
-Temos o exemplo do auditorio, sen arranxar un ano despois e dicindo que non é un problema de cartos, entón é problema de xestión. E como iso vinte mil cousas. Iso si, o señor Cuíña nas súas ensoñacións persoais cre que todo vai ben, o problema é que se o crea e iso é preocupante para Lalín. Ata que non teña os pés na terra dificilmente fará política de nada, non sabe nin cales son as necesidades de Lalín. Non dan gastado nin o que teñen para emprego. Cando vimos a liquidación do 2016 quedamos abraiados pola cantidade de diñeiro que deixaron en remanente e que non gastaron nos seus planes estrela; pois agora, nun par de meses, saberemos os remanentes do 2017 e veremos como naquelas parcelas onde presumían que ían a investir nin gastaron o que levaban nos presupostos.
-A tardanza dos orzamentos pode estar detrás deses remanentes.
-O xullo pasado instei ao alcalde a que se quería facer o orzamento do 2018 que o fixera en tempo e forma e nos dera un avance. O fixen porque dicía que se aprobou tarde o do 2017 pola moción de confianza. O queríamos de tal maneira que se o pactábamos, perfecto, o 1 de xaneiro do 2018 estaría en vigor e se non, tiña tempo de aprobalo con outra moción de confianza. E naquel pleno dixo que había órdenes a Intervención para facer o orzamento do 2018 e estou falando do verán; non só se prorrogou o do 2017, senón que non se nos deu ningún documento, nin se fixo nada. É chamarnos tontos á cara. Non hai orzamentos do 2018 pola mala xestión do goberno, preocupado de francachelas varias e deixa o importante da xestión sen facer. Lle preocupa moito o accesorio e pouco o importante porque non teñen un proxecto para Lalín.
-Hai queixas de falta de apoio dende a Xunta.
-Non saben que pedir a outras Administracións e cando o fan mandan o acordo plenario e non se ocupan máis do tema. Non se dan conta que debe ser o punto de arranque dunha serie de xestións que as veces chegan a ser centos. Por exemplo, dende que nos pedimos ao conselleiro de Sanidade novos servizos, manter o persoal e o proxecto que polo antigo CAR hai agora case un ano non houbo quincena que non tivera unha conversa co conselleiro e agora por fin van a verse os froitos. O fixemos dende a oposición porque estamos preocupados polo futuro de Lalín e porque estou convencido de que o goberno non o houbera feito.
José Crespo tamén analiza os temas que, para o PP, quedan aínda por facer dende o goberno.
-En Asuntos Sociais, fora do que lles da a Xunta, que aportou o Concello, nada. En Deportes, que fixeron no campo de fútbol e o pavillón vello, que está como antes. Se non fose polo Lalín Arena, que tanto criticaron, agora terían un problema. Dixemos que tería autofinanciación e ríanse de nós, e agora eles din que empata en gastos e ingresos. Que me digan que fixeron eles. Se non fixeramos o Arena agora o deporte de Lalín non estaría nesas condicións nin de broma. Quedan dúas instalacións vellas e mellorables e en tres anos non fixeron nada. Por non dicir dos centros sociais, fixeron arranxos nalgúns, pero ningún novo ou unha reforma integral. O que fai este goberno é fume, pero nas redes sociais parece que inventaron a pólvora pero os veciños, que a veces non falan por temor porque este goberno leva mal as críticas, unha eiva democrática desde goberno.
-Que temas deixou pendente o anterior goberno e seguen na mesma situación?
-O cemiterio está totalmente esgotado e nós deixámoslle todo listo para empezar a expropiar, e con cartos, que gastaron noutras cousas e non fixeron nada. Pasaron estes case tres anos tentando, en vez de gobernar, desprestixiar as políticas do PP. E aínda que algunha cousa fose mal, o feito está aí para ver e ninguén o pode anular, nin sequera co seu aparato de propaganda.
-Ve factible a inversión anunciada dende o Concello para a recta final do mandato?
-Cuíña nin aproveita os tantos que lle tocan, que lle deixamos iniciados. Do plan Dusi contratamos unha empresa e gastamos máis de 20.000 euros e nos puxeron a caldo; grazas a iso presentaron o proxecto presentado pola empresa e optar ao plan Dusi, e os 5 millóns. No ano 2014 fixemos unha xestión con Augas de Galicia polas dificultades que tiñan as nosas depuradoras grandes, e solicitamos que pedirán axudas de fondos europeos. E aprobouse e aínda non fixeron nada. Xuntaron dous anos do Plan Concellos e van a ter moitos cartos e a ver en que o gasta. Non trouxeron nada nin da Xunta nin da Deputación, co viveiro de empresas sen aproveitar e Liñares sen cumprir o convenio, sen o persoal que deben ter, ou en Mouriscade, que quedou anquilosado. Viven das rendas e levan perdidos máis de 300.000 euros en subvencións concedidas por incompetencia e mala xestión. E o ambiente dos funcionarios é peor de cando estaba o PP. Nunca un interventor atreveuse a facer un informe demoledor como o que fixo, e tentou tapalo o alcalde con informes estériles e políticos doutros departamentos.
-Entramos en temas máis políticos. Cree que CxL está xa por diante do PP en intención de voto como asegurou Cuíña?
-Creo que non ten os pés na terra e termina por crer as súas propias mentiras. O problema é cando esas ocorrencias prexudican os intereses do pobo de Lalín. Creo que o PP merece gobernar outra vez este pobo. Co PP este pobo experimentou a maior transformación da súa historia, sen dúbida, pódese comprobar. Todo o que criticaban do que fixemos agora o aproveitan. Eles non poden presumir de ningún proxecto de certa envergadura. Eu percibo que a xente está a ver que o actual goberno foi un experimento e que hai que facelos na casa e con gaseosa, en que non está a saír ben e non está ben valorado polos veciños de Lalín, aínda que non me creo ao 100 % do que di a xente. Agora Lalín non estamos no mapa de Galicia, agora estamos polas falcatruadas e antes nos miraban con envexa e agora con desdén.
-Vai a ser vostede de novo candidato do PP o vindeiro ano?
-O PP merece volver a gobernar Lalín porque isto é a casa de tócame Roque. O importante non é o futuro político e persoal de Pepe Crespo, o importante é futuro deste pobo. Só podo dicir que se os lalinenses queren a min aínda me queda carrete, onde me toque estar e creo que non chegou o momento de pasar á zona de confort. Pero tamén estou convencido que a palabra renovación debe marcar en certa medida o futuro do partido a nivel local, neso estarei. Se sigo neste barco, na oposición despois de tantos anos de goberno, non é por ansias de vingarme politicamente, e porque me doe ver de corazón como se dilapida o prestixio e o empuxe que tanto costo darlle a Lalín nos últimos 25 anos. E no Senado estou facendo cousas para beneficiar ao meu pobo. Eu non perdo o tempo en francachelas, creo que o PP das opcións que hai en Lalín é a única que merece gobernar, porque a nova política xa se veu o que deu de si.