Bodegón clásico co xiro de Misha Bies Golas

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

O museo acolleu onte a presentación do cartaz, feito polo artista lalinense, que anuncia a vindeira Feira do Cocido

30 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O artista plástico lalinense Misha Bies Golas acaba de engrosar a nómima de quenes, dende o ano 1975, foron elexidos para asinar os cartaces promocionais da Feira do Cocido de Lalín. Nun acto celebrado nas instalacións do Museo Municipal Ramón María Aller o autor, arroupado polo alcalde Rafael Cuíña e por membros do goberno, deu a coñecer a súa particular visión artística do evento e fíxoo cunha composición fotográfica levada a cabo a partir de varios elementos do Cocido de Lalín. Para Misha Bies Golas foi un «honor facer este cartaz que se pode entender como un bodegón clásico, pero cun xiro persoal construtivo que vai na liña do collage e pode lembrar a miña obra Artefactos e Amalgamas». Unha instántanea na que se ollan catro compoñentes imprescindibles no Cocido de Lalín; «un cadro co despece dun porco que se pode considerar histórico xa que pertence á carnicería lalinense Vicente, e que se colgou no ano 1971, debaixo do rótulo catro patacas e un feixe de grelos de Donramiro. Tamén hai unha cunca de viño e 49 garavanzos, tantos como feiras». Misha Bies Golas significou que antes de chegar ao resultado final do cartaz que promocionará a vindeira edición da Feira do Cocido de Lalín probou varias opcións. «Xoguei cos ingredientes, con varios feixes de grelos por exemplo, e fun dándolle forma ao traballo nunha obra na que se reflicten as características e técnicas coas que traballo habitualmente que é a fotografía e o collage». Pola súa banda o alcalde na apertura do acto de presentación, ao igual que os concelleiros presentes, valoraron moi positivamente o traballo levado a cabo polo artista local. «Faime especial ilusión que sexa Misha Bies Golas quen presente o cartaz deste ano xa que en Lalín témolo en alta consideración e estamos moi orgullosos de creadores coma el, unha persoa que ao igual que este goberno tén gañas de traballar e de progresar», manifestou Rafael Cuíña.

O cartelista deste ano, artista plástico formado no eido da fotografía e do deseño, ven de gañar o primeiro premio na cuarta edición dos Premios de Pintura Mardel coa obra «Políptico de sabores», unha creación rompedora que toma a forma dun cartel de xeados para facer un exercicio crítico acerca da autoría da arte.

Un cartaz da XILX Feira do Cocido de Lalín que se espallará por toda a comunidade ao ser a imaxe que se empregará en aquelas actividades e iniciativas que se celebren arredor dun evento que camiña na procura da declaración de Festa de Interese Turístico Internacional.