Os xoves ramistas tentan manter un programa de calidade
08 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Non resulta doado organizar unhas festas, e menos nestes intres. Malia todo na parroquia lalinense de Donramiro un grupo de mozos decidiu facerse cargo dos festexos xa que «alguén ten que ser ramista se queremos que as festas continúen. Certo é que é estresante e difícil pero cando ves á xente disfrutar da festa, e de todo aquelo que programache, é gratificante e reconfortante» subliña Gonzalo Riádigos quen xunto a Patricia Seijas, Noelia Taboada, Lucía Seijas e Martín Varela constitúe a comisión organizadora dos festexos. Cinco mozos da parroquia lalinense, todos menores de 30 anos, que teñan as súas costas a pasada celebración do San Mauro «e dunha morea de actividades realizadas ao longo do ano co gallo de xuntar diñeiro para sufragar as festas da parroquia. Fixemos bingos, distintas vendas e a celebración da Matanza do Porco na localidade tamén nos permitiu facernos con algunhas axudas para unhas festas que custan algo máis de 40.000 euros».
As festas do Montserrat, que comezarán hoxe 8 de setembro, son todo un referente na zona. «Para moitos lalinenses residentes no casco urbán da vila sempre comentan que son as festas que máis disfrutan ao celebrarse na carballeira, e ás que poden vir camiñando dando un paseo. Donramiro queda a carón do casco urbán e poucos quedan nas casas cando se celebran estes festexos. Mesmo son moitos os que veñen a cear á carballeira onde se instalan mesas para a ocasión e nas que se xuntan familias enteiras».
«Tentamos facer un bo programa de festas que satisfaga a todos. Pensamos nos cativos e o domingo pola tarde, a partires das cinco e media, haberá actividades para todos eles, un espectáculo de títeres a cargo da compañía Seisdedos que representará «Varietés» e tamén están programados xogos populares». Pero a programación festeira arrancará hoxe coas actuacións dos grupos Linho do Cuco, Sonoro Maxín e a Orquestra De Momento. O domingo non faltará un concerto da Banda de Lalín e a verbena contará con Isla e Delirio. O luns, día grande das festas do Montserrat, estarán sobre o escenario as orquestras Delicia e Marimba; a Magnifique Band de A Estrada e a Lira de Prado.