Das múltiples actividades culturais que se veñen desenrolando a cotío na Casa do Patrón, escollemos como acto central do día grande do museo a Malla Tradicional, que vimos celebrando dende fai 12 anos, cada último sábado de agosto.
¿Por qué eliximos precisamente a malla?
Porque entre os máis de 3.400 apeiros que se expoñen no museo, atópanse varios xogos completos de motores, malladeiras e aventadoras, procedentes de diversas zonas de Galicia, todos eles en perfecto estado de conservación e funcionamento, a pesar de ter case un século de existencia ás súas costas.
Porque é un traballo complexo, duro e sacrificado, que ademais está precedido doutros: a preparación do terreo, a sementeira, o mondado, a sega, o atado e carrexo dos mollos, a preparación da eira e a feitura da meda, que representa a culminación do proceso produtivo do elemento básico da alimentación: o noso «pan de cada día», que tivo moita importancia en toda a Galicia interior, con especial relevancia na Comarca do Deza, onde incluso se chegou a mallar a «meda vella», procedente do ano anterior, como símbolo de riqueza, deixando a meda nova para o ano seguinte.
Identidade de pobo
Porque temos a firme convicción de que, afondando nas nosas tradicións máis arraigadas, como a malla, así como recuperando, conservando e promocionando o noso patrimonio cultural e natural, estamos consolidando a forte identidade do noso pobo, ó tempo que aspiramos a crear unha alternativa de futuro para os nosos fillos.
Porque temos a gran sorte de que a malla foi unha iniciativa conxunta e compartida do Museo Cada do Patrón, coa totalidade do lugar de Codeseda, e da parroquia de Doade, contando dende os inicios coa inestimable colaboración das Asociacións de Cercio e Zobra, que actualmente se estende a 11 parroquias de Lalín, que nos permiten recrear fielmente as tres variantes da malla «a pedra», «con males» e «con motores», que cada edición son postas en escena por alomenos setenta persoas.
Porque este traballo representa a máis pura esencia do Museo Casa do Patrón de Doade, no que o único actor, protagonista e destinatario final é a totalidade do pobo galego, a quen nos debemos, ó que lle adicamos esta orixinal festa ó aire libre, situada no Km «0» de Galicia, no corazón do Museo da Paisaxe, coa previsión dun sol radiante.
Pero, ante todo, porque representa algo que desgraciadamente está a desaparecer na sociedade actual: a total participación e colaboración de varios lugares, incluso parroquias limítrofes, na que se implicaba toda a poboación, dende os máis cativos ós máis vellos, ricos e pobres, traballando a reo, e compartindo sangue, suor e bágoas, durante días e semanas enteiras, como se dunha soa familia se tratara.
O máis fermoso dunha malla non é o carácter rudimentario da malla á pedra, a perfecta sincronización dos males ou o ruxido e espectacular colorido das máquinas e motores, senón a fermosa estampa de ver traballar «codo con codo» a todo un pobo, esquecendo posibles diferenzas persoais, facendo unha extraordinaria labor de equipo, de máxima implicación e intensidade.
Homenaxe aos antepasados
Vaia dende aquí a nosa humilde homenaxe ós nosos devanceiros, que coa súa humildade, xenerosidade, e intelixencia natural, quizás nos están mostrando o camiño a seguir nun momento de especial dificultade para todos , para que grazas ao noso esforzo compartido, esquecendo pequenos localismos que a nada conducen, a comarca de Deza sexa capaz de construír un único e diferenciado «xeodestino turístico» de gran nivel, e continúe a ser unha das máis prósperas da Comunidade Galega. Tamén expresamos o máis profundo agradecemento para todas aquelas que fixeron posible tan grande evento coa súa participación voluntaria e desinteresada, así como o apoio institucional recibido, durante máis dunha década.
Mañá, nova edición
Benqueridos veciños e visitantes do Deza: Dende esta perspectiva histórica e cultural, pero tamén festiva, prácenos invitarvos a todos a gozar desta experiencia diferente, ben participando libremente (tan só se require vontade e vestimenta axeitada), ou contemplando unha vez máis a XII Malla Popular , que se celebrará na Casa do Patrón, en Codeseda, o sábado, 27 de agosto,a partires das 11 da mañá, que deleitará unha vez máis ós mozos que aínda descoñezan, e os maiores, que recordarán vellos tempos, esta vez sen suar a camiseta como tantas veces fixeron outrora. Manuel Blanco Villar. Presidente do Museo Casa do Patrón de Doade.