«Algo canso estou, pero os veciños reelexíronme e débome a eles»

Amelia Ferreiroa LALÍN/LA VOZ.

LALÍN

Con 37 anos, sendo alcalde de Lalín Luis González Taboada, foi nomeado pedáneo da súa parroquia: Madriñán. Cargo que ostentou con Xosé Cuíña e agora con Crespo

23 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Lalín conta con pedáneos en todas as súas parroquias, pero non todos levan tantos anos no posto coma Máximo Penalta González. No vindeiro mes de agosto cumprirá corenta anos no cargo polo que é un dos representantes veciñais máis veteranos da zona. Corría o ano 1970 cando Máximo foi nomeado pedáneo de Madriñán.

-Eu tiña 37 anos daquela e foron os concelleiros os que me designaron pedáneo. Non esperaba tal cousa pero pasou. Era, por aquel entón, alcalde de Lalín Luis González Taboada «Licho», logo veu Cuíña e agora Crespo.

-E a mellor relación, ¿con quen foi?

-Con Luis González, na súa calidade de alcalde, non tiven moito contacto. Eu era novo, el xa tiña unha idade e non coincidimos moito. Non pasou o mesmo con Xosé Cuíña, ao que me unía unha gran amizade. Cuíña era unha gran persoa e traballou moito polas aldeas de Lalín e agora con Crespo tamén teño moito trato.

-Madriñán nos anos 70 ao igual que outras moitas parroquias tería por aquel entón unha morea de necesidades...

-Faltaba de todo. Na época de Licho non había puntos de luz, os camiños eran congostras e tampouco había saneamento nin auga da traída. Foi coa chegada de Cuíña cando se comezaron a facer todas estas obras. A concentración parcelaria e o arranxo de pistas xa se levaron a cabo logo con Crespo.

-O pedáneo non deixa de ser o portavoz do pobo...

-Así é. Estamos para recoller as peticións de todos os veciños e facer todo o posible para que se amañen as cousas. Non sei se o fixen ben ou mal pero sempre tentei facer o mellor para a parroquia.

-¿Cal foi a obra máis difícil de conquerir?

-Dende logo que o que máis costou facer foi ampliar unha pista que vai á igrexa. Era unha congostra pero, xa sabes, conseguir que os veciños cedesen terreos non foi traballo doado. Facela supuxo un ollo da cara pero hoxe está feita e ben feita.

-¿De que carece actualmente a parroquia?

-Urxente non hai nada. Certo é que falta o alcantarillado pero no resto penso que estamos bastante ben. Temos as pistas asfaltadas, en boas condicións, hai luz, teléfono, auga corrente nas casas que antes era algo impensable...

-¿Cal é o segredo para manterse no posto tantos anos?

-Segredo non hai. O importante é a formalidade. O que está claro é que a gusto de todos nunca se vai facer todo pero se a maioría está de acordo... Os feitos responden e están aí. En Madriñán somos casi 50 veciños e a maioría creo que están contentos co que fago, do contrario non me elixirían varias veces e estaría outro no meu sitio...

-E despois deses corenta anos, ¿pensou ou pensa en deixalo?

-Algo canso estou, pero os veciños reelexíronme e débome a eles. Cando Cuíña chegou á alcaldía foron os veciños os que me elexiron e agora volveron a facelo. É a parroquia á que me quere aquí. Na última votación que houbo, e que se celebrou creo que fai catro ou cinco anos, había 35 votos emitidos dos que 28 eran para a miña persoa e os restantes repartíanse entre outros dous veciños.