Unha avaliación diferente

Amelia Ferreiroa

LALÍN

Alumnos da zona realizaron unhas probas encamiñadas a determinar a calidade do ensino na nosa comunidade

22 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Alumnos que estiveron escolarizados en 4º de Primaria e 2º de Secundaria durante o pasado curso académico 2008-2009 tomaron parte onte nas probas de Avaliación de Diagnóstico de Galicia, coas que se pretende configurar unha visión orientativa de cara a diagnosticar a calidade do ensino.

Unhas probas de carácter obrigatorio, pero non puntuables, que se levaron a cabo nos centros da zona. No IES Laxeiro de Lalín arrancaron ás nove da mañán e remataron sobre as dúas. Ás mesmas estaban convocados 93 alumnos, os que estiveron en 2º da ESO, «e participaron todos. A primeira sesión consistiu na proba de galego-castelán e posteriormente matemáticas», salientou o director do centro Uxío Grande. Á marxe das probas antes subliñadas, os alumnos tiveron que dar resposta a unha serie de preguntas que viñan recollidas nun caderno e outra parte lle tocará aos pais. «Os rapaces levaron para as casas outro caderno -que se presenta en galego e en castelán para que escollan o que prefiran- no que os proxenitores deberán de dar resposta a cuestións tales como os hábitos de estudo, a relación que manteñen co centro no que cursa estudos o seu fillo, se consideran que reúne as características precisas, se participan nas actividades que se promoven e a relación que manteñen cos fillos». Catro profesores de cada centro ademais do director tamén teñen que cumprimentar unha serie de datos. «Finalmente todos os resultados obtidos se carga nunha aplicación informática e se remite a Educación antes do 10 de novembro. Salientar que non se trata dun concurso de centros educativos. É ver as capacidades do alumnado».

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria insiste sobre iso. Quérese avaliar o «desarrollo» dos alumnos, como determina a Ley Orgánica de Educación (LOE). «Cando Educación teña no seu haber todos os exames e se coñezan os resultados, a comprensión da realidade, será un espello no que se mirar e mellorar. Os profesores poderemos reconducir certos aspectos». Un dos obxectivos destas probas de Avaliación de Diagnóstico de Galicia é precisamente facilitar á Administración a orientación das políticas educativas así como pór en marcha actuacións dirixidas a revisar e mellorar o sistema. A información que se obteña de todos os cadernos elaborados permitirá tamén constatar a capacidade dos mozos galegos á hora de resolver problemas prácticos que se lle poden dar na vida cotiá.