A difícil tarefa de saber criar

Amelia Ferreiroa

LALÍN

Os encontros do programa Preescolar na Casa lévanse agora á Casa da Xuventude de Lalín que posúe máis espazo

19 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O programa Preescolar na Casa leva anos celebrándose nas localidades e no rural galego a onde, de xeito quincenal, se achegan orientadoras para compartir reflexións con nais, pais e un bo número tamén de avoas que se encargan de coidar aos cativos namentras os seus proxenitores están a traballar.

Ana Louzao, orientadora de Preescolar na Casa, atende neste curso a un centenar de familias do entorno. «Están espalladas por varios concellos da zona xa que vou a Agolada, Rodeiro, A Estrada e Lalín. A verdade é que son moitos os quilómetros que percorro, case tres mil», salienta esta profesional que xa estivo na zona o ano pasado. Onte mesmo a cita era en Lalín onde as reunións se fixeron en horario de mañán e de tarde debido ao volume de anotados. «En Lalín optamos por establecer dous turnos porque contamos cunha trintena de cativos, e tamén debido a que non todos os pais podían vir pola mañán ou non o podían facer pola tarde. Deste xeito abrimos un abano máis amplo para que todos os que quixeran puideran vir ás reunións». Encontros quincenais que, por certo, mudan de ubicación e pasan a celebrarse agora nas dependencias da Casa da Xuventude de Lalín. Cambio que se debe a un problema de espazo. «Habitualmente estabamos nun local, cedido polo Concello de Lalín, fronte ao vello colexio Manuel Rivero pero quédasenos moi cativo. Non podemos facer sequera un corro e por iso solicitamos unha nova ubicación».

As reunións de Preescolar na Casa serven, según Ana Louzao, para reflexionar. «Cada día escollemos un tema, e sobre o mesmo comentamos, opinamos... Falamos de sono, de alimentación, de normas pero tamén temos tempo para xogar cos nenos e eles tamén xogarán sós namentras nós debatimos. Hoxe -por onte- o tema que estivemos comentando se centrou nas necesidades básicas que precisa un neno e que non son só as materiais. Un cativo tamén necesita afecto, precisa comunicarse e moverse». A pesares da cantidade de cuestións que se levan a debate e analise nestes encontros quincenais, dous son os máis recurrentes e sobre os que as nais, pais e avós queren afondar.

«Sempre nos preguntan pola alimentación e polo sono. Aproveitamos os encontros para facer magostos -aos estarmos no tempo das castañas-, xogamos coas cabazas que agora hai moitas e non deixamos de recuperar vellos xogos tradicionais. Traballamos cos sentidos e nos centramos en aprender cada día algo, que é moi importante», dí.