RADIOGRAFÍAS | O |
13 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.O POCO na nosa cultura é unha especie de tótem do que non se estraga nin as orellas á hora de comer. Moitas das festas gastronómicas téñeno coma protagonista: a festa do porquiño en Cerceda, a do cocido de Lalín, a das pezoñas de San Marcos e así ducias e ducias de lugares onde meterlle o dente a un cacho de carne deste bicho. Cando o outro día este xornal sacou a historia dun porco criado nunha parroquia de Tordoia que pesaba case 450 quilogramos, os comentarios dos paisanos ao ler a nova eran tan dispares como se poidan imaxinar. Para uns o marrán pesaría como moito catrocentos quilogramos, sen embargo había quen comentaba que tiña visto algúns con máis peso. Falaban estes últimos dun cocho criado noutra parroquia que superara os cincocentos quilos. Segundo aseguraban, o animal chegou a estar tan cebado que non era quen de saír pola porta do cortello. Incluso houbo quen afirmou que tiveran que desmontar as uralitas do pendello e sacar ao pobre bicho cunha grúa. Do que si que fun testemuña directa foi das medidas que tiña o bicho da semana pasada: algo máis de dous metros e vinte centímetros. Así que, discusións á parte sobre o peso real, pódese dicir que máis que un porco parecía un tren de mercancías. Pero claro, este exceso de gordura nun semental debía de ser un suplicio para as pobres femias. De feito non son extraordinarios os casos de porcas mortas polo peso exercido polo compañeiro na cópula. Do que deduzo que os escarceos cun marrán destas dimensións deben de ser pracenteiros soamente cando se saca de enriba e volve para o cortello. Porque xa o din os vellos que «a moita gordura non acaba sendo boa», polo menos neste caso.