«No sector da confección, Lalín é un exemplo para nós»

Amelia Ferreiroa lalín

LALÍN

Entrevista | Ángeles Vázquez Mejuto CONCELLEIRA DE CULTURA E DEPORTES DE MELIDE, ORGANIZADORA DUNHA XORNADA SOBRE O TÉXTIL Un centenar de mulleres asistirán hoxe a charlas e visitarán dúas firmas lalinenses

07 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

O Concello de Melide organiza unha xornada sobre o téxtil que comezará ás dez da mañá e rematará cunha visita a empresas lalinenses. -¿Cal é o obxectivo desta xornada? -Non cabe dúbida de que a muller xoga un papel importante na economía familiar e no Concello contamos con moitas cooperativas e talleres de confección. Con esta xornada pretendemos profundizar no coñecemento e na mellora da situación téxtil, así como nos aspectos que xiran en torno a ela e o seu impacto na economía da nosa comarca. -¿Como se estructurará o programa? -Ás 10.30 horas teremos a inauguración da xornada na que participará Marta González Vázquez, directora do SGI, e o alcalde de Melide, Manuel Pampín Rúa. De seguido, comezarán as conferencias que terán continuidade ata as 14 horas. Media hora despois celebraremos un xantar de traballo e logo desprazarémonos ata Lalín para visitar as instalacións de Mercedes Fuentes e Montoto. -Entre os ponentes tres son de Lalín, ¿por qué? -No sector da confección, Lalín é un exemplo para nós e temos que aprender de aqueles que o están a facer ben. Deste xeito conseguimos que Ramiro Ruibal Fuentes, xerente da firma Mercedes Fuentes, Iván Díaz García que é delegado da firma Florentino e Nicolás Varela García, delegado da empresa Enmanuel, veñan a disertar sobre cuestións que interesan ás mulleres do noso municipio que están a traballar nese eido. -¿Con cantas cooperativas contan vostedes agora? -Na actualidade en Melide temos nove cooperativas e cinco talleres de confección que dan traballo a unhas 200 mulleres. -¿Para cando a posta en marcha dunha única cooperativa na zona? -Eso sería o ideal e dende o Concello estaríamos encantados de que se fixera. Haberá que agardar.