Un día díxenlle a Carlos Casares que, na miña humilde opinión, xa se estaba pasando co do gato Samuel , e que algunha vez tería que insinuarnos que pensaba de verdade sobre este país que estamos construíndo. A resposta, que teño anotada, foi exactamente esta: «A túa opinión nunca é humilde, e por eso me interesa. Pero direiche que a forma de contar o mundo non se escolle. Vai nos xenes. Se eu fora retorcido e arriscado coma ti, endexamais escribiría do que outros escriben. Pero coa miña textura persoal, chégame dabondo co gato Samuel ». Nunca souben ¿nin siquera polo tono¿ se aquelo que me dixo era unha bronca aceda ou unha inmerecida loubanza. E por eso, cando me dixeron que morrera, adoptei a única actitude que vale para os dous supostos: adicarme ó meu, e non falar de quen ía estar na pluma de todos. Tamén o fixen porque, estando lonxe, e privado do ambente no que baixou á terra, aínda non podo crer a ausencia daquel amigo que vivía con tanta intensidade, con un acougo de espíritu que disfroitei, dende o escano de enfronte, nos primeiros anos da autonomía. Eu queríalle moito, aínda que llo dixen poucas veces. E sei, seguro, que descansa en paz. Por eso, seguindo o seu consello, imos falar un pouco da peaxe de Lalín. Direilles, en primeiro lugar, que estou vivindo na Europa das peaxes, onde o xesto de pagar é instintivo: as autovías, o xabrón do cuarto de baño, as bolsas do supermercado, o parking na cidade, a entrada nos museos e a luz nas igrexas. Pero eso non é, por si mesmo, un problema, porque a peaxe non é máis que o precio dun servicio que ten que ser analizado no contexto xeral da xestión dos servicios públicos. Se os trens andan rápidos e son frecuentes, se as estradas están desdobradas e parecen autopistas, se as universidades son de calidade, se as rúas están impecables, se a policía está onde fai falta, se os servicios de saúde son bos e os soldos e pensións altos, á xente non lle importa pagar peaxe, e mesmo dan por suposto que debe ser así. Pero se o financiamento das universidades nos pon máis cerca do terceiro mundo ca do primeiro, se os soldos e pensións están á cola de España, se os servicios de saúde non repoñen tecnoloxías e persoal, se o tren soamentes serve para ir ¿¡amodiño!¿ a Madrid, e se as rúas só son presentables no centro das cidades, entenderá o señor Cuíña que lle preguntemos onde meten os cartos, ou por que toda Andalucía está tecida de autovías libres de peaxe. O problema non é a peaxe. É a sensación de ir sempre tarde ¿coma esta autovía¿, mal ¿¡dez anos para construir 100 quilómetros¿, e a rastras ¿pagar os pobres o que non pagan os ricos¿. Porque do resto (ir ó cocido a Lalín, e pagar peaxe) ninguén, así en abstracto, se queixa.