Memoria de Trasdomonte

FRANCISCO ROZADOS

FORCAREI

DICEBAMUS HERI | O |

14 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

ONTE PRESENTAMOS en Forcarei o primeiro libro de relatos que asina quen esto escribe. A oportunidade déronma, desde Edicións Fervenza, o amigo Xosé Luna, director editorial, e o xerente, Manuel Núñez. O que hoxe escribo non é só para agradecerlles que puxesen a súa confianza en min, senón tamén para chamar a atención sobre o tal libriño, que non deixa de tentar ser un retrato da Terra de Montes a través das xentiñas que foron facendo comarca. No libro téntase encher un oco que notou primeiro ca ninguén Chano Piñeiro, o noso egrexio veciño. Nunha colaboración que eu lle pedira para o libriño das festas dos Dolores do ano 93, o cineasta dicía: «Farria, o meu querido persoaxe de película, foi un poeta descoñecido, amante da fermosa caligrafía e creador de poesías sen papel. Pero non hai libros que nos permitan recoller e recordar os seus sentimentos, as súas dúbidas e ironías, os seus amores e desamores porque os versos máis sentidos asoman desde o corazón e quédanse na boca do creador ou no corazon do que escoita. Os sentimentos máis fondos brotan no aire pra ser recollidos e compartidos solo por quen ten sensibilidade». Un dos meus obxectivos no libro era darlle voz a personaxes coma Farria, bohemios e perdedores con ronsel, que quedan na memoria de todos, na memoria de Trasdomonte, que é como Chano bautizou á nosa comarca. Espero que Chano, desde onde estea, me dea o seu visto e prace por tentar encher o oco. Trasdomonte ven ser o trasunto literario e cinematográfico da nosa terra montesía e donda. Eu construín os relatos interpretando o máis fielmente que puiden o que antes escoitara de boca das xentiñas de Montes. Algúns xa morreron e outros viven e lembran. A todos lles quero agradecer que me permitiran meterme nas vidas de quen foron, durante anos, os verdadeiros actores dunha película que tería que asinar o propio Chano se vivise. O libro está dedicado a el e a Forcarei, porque del e do meu concello, basicamente, aínda que tamén de toda a Terra de Montes, tirei a materia prima da que se elaboraron eses soños, os relatos e as lendas recreadas que conforman ese universo tan particular. Non me podo esquecer de agradecer ó señor Manuel Barreiro a xenerosidade á que nos ten acostumados, ó me permitir darlle un engadido a eses soños a través das súas sempre suxerentes fotografías.